Mercado de produtos da Reserva da Biosfera en Allariz

Publicado: 12 abr 2020 - 02:07

Dende hai máis de 7 anos o Mercado de Produtos da Reserva da Biosfera en Allariz achéganos cada sábado alimentos producidos e/ou transformados no territorio que conforma a Reserva da Biosfera da Área de Allariz. Era o ano 2013 cando persoas autónomas e pequenas empresas locais de produción agrogandeira e de transformación alimentaria se xuntaron co concello para abrir o Mercado, con cambios e novas incorporacións aquí seguen. Ofrécennos produtos de tempada, máis ou menos abondosos e diferentes dependendo da época do ano e cunha variedade de transformados alimentarios. Na visita ao mercado podo encher a cesta de produtos de horta, embutidos de porco celta, leite, queixo de ovella, mel, carne de boi, pan, doces e fariña de castaña, cervexa e tamén xabón con base de leite de burra.

A marca da Reserva da Biosfera identifica o territorio, máis tamén o esforzo dun sector primario que rexurde nestes tempos de globalización, e que pon en valor o noso.

A situación de crise na que nos atopamos, o momento no que estamos, fainos reflexionar sobre a importancia que ten para a nosa alimentación, e por descontado para a nosa supervivencia o labor das persoas que traballan no agro, na gandería, tamén daquelas que transforman os produtos da nosa terra que chegan á consumidora final sen grandes traslados e con poucas manipulacións. Este é o froito do traballo das mulleres e homes que contribúen a que o medio rural galego siga vivo.

Nestes tempos de confinamento, o Mercado segue activo, abre cada sábado pola maña, coas medidas de seguridade precisas, para ofertarnos produtos de primeira necesidade.

O meu agradecemento para Antonio, Pío, Carmen, Carlos, Raul, Suso, Cesar, Marcos, Xosé, María Xosé e Miguel, Carmen Fernando e, Martín e Ramiro, M Carmen e Elsa e a todas as persoas que traballan e colaboran con eles/as e que fan que cada sábado teñamos produtos non noso mercado.

Contenido patrocinado

stats