O pensamento colectivo

CARTAS AL DIRECTOR

Publicado: 01 jun 2026 - 03:40
Cartas al director en La Región.
Cartas al director en La Región. | La Región

Os clubs de lectura son espazos revolucionarios, aseveraba a psicoanalista Lola López Mondéjar nunha entrevista recente. Este exordio pretende sintetizar a función vertebradora e comunitaria destes encontros e, especificamente, do celebrado na Biblioteca Pública de Ourense dende setembro do 2025 ata mediados do 2026.

As xuntanzas mensuais, como punto de encontro e reflexión compartida, sobre diversos ensaios ganduxaban as diferentes narrativas ancoradas na incerta realidade presente, como un calidoscopio de ideas xerminais. A proposta tiña o seu berce no “Esquema conceptual, referencial e operativo” ideado polo psiquiatra arxentino Pichon-Rivière, que se trata dunha linguaxe común para pensar colectivamente e desafiar o instituído.

As diversas lecturas servían como puntos de fuga sobre os que construír un pensamento plural: dende obras como “A sociedade do cansazo”, do filósofo Byung Chul Han, na que formula o exceso de positividade propio do biopoder foucaultiano personalizado no suxeito tardocapitalista, continuando coa “Modernidade líquida” do sociólogo Zygmunt Bauman, na que a volatilidade, a ausencia de metarrelatos e o desexo incesante constitúen as arestas do poliedro actual; seguindo con “A cultura do novo capitalismo” de Richard Sennett e a obra “Por que doe o amor?” de Eva Illouz ata o “Realismo capitalista” de Mark Fisher, na que o sistema hexemónico sería como esa xaula de ferro que teorizaba Max Weber na que todo estaría incrustado como dicía Polanyi, resumíndose no eficaz aforismo de que é máis doado imaxinar o fin do mundo que o fin do capitalismo; para finalizar coa lectura de “Sen relato” de Lola López Mondéjar que manifesta a atrofia narrativa inherente á crise de identidade e a era do vacío manifestada por Lipovetsky e concluír coa “A xeración ansiosa” de Jonathan Haidt.

Durante esta frutífera singradura tamén abordamos ideas e conceptos doutros intelectuais: o suxeito ideolóxico buscado de Althusser, o imaxinario social de Castoriadis, o desexo mimético de René Girard, o Gran Outro de Lacan, a teoría da resonancia de Harmut Rosa, o relato autobiográfico de Paul Ricoeur, o “Teatro do Oprimido” de Augusto Boal ou o triángulo de Sternberg.

Porén, todo este proceso discursivo de coñecemento sería imposible sen as compañeiras e compañeiros de reflexión e a gran coordinación e profesionalidade do elocuente doutor Alexandre García Caballero. Moitas grazas pola vosa compañía e agardo que este proxecto común teña unha fermosa travesía.

Xián Antón Lorenzo Rodríguez

(Ribadavia)

Contenido patrocinado

stats