La Región
CARTAS AL DIRECTOR
Os políticos de Maceda poden facelo!
CARTAS AL DIRECTOR
Opinar hoxe de política semella unha temeridade. Vou procurar facelo dende un punto de vista positivo, como acostumo nestas misivas nos últimos vinte anos. Non vou valorar o traballo realizado pola actual corporación municipal. Xa teremos ocasión de facelo dentro duns meses, na campaña das eleccións de 2027.
A realidade da política xeral é decepcionante, mesmo vergoñenta. A cidadanía fala dela e dos seus protagonistas con crecente desprezo. Porén, no caso do Concello de Maceda existe respecto e ausencia de crispación, algo que resulta moi edificante.
Seguro que moitos veciños e veciñas estamos insatisfeitos con determinadas actuacións municipais. Tamén hai demandas e peticións pendentes que haberá que seguir reivindicando. Con todo, as concelleiras e concelleiros non nos ofrecen espectáculos de confrontación, debates estériles ou exercicios de demagoxia, nin nos plenos nin nos medios de comunicación. Transmiten unha imaxe de boa relación, cada quen dende a súas responsabilidades: uns no goberno e outros na oposición.
Este xeito de actuar non é, por desgraza, o máis habitual. Non é o que vemos na política autonómica, na estatal e na internacional. A crispación, as “fake news” e a polarización convertéronse nunha constante en numerosos ámbitos políticos, nomeadamente nos parlamentos e gobernos, afastando a política dos verdadeiros problemas da cidadanía.
No eido municipal quizais sexa o momento de avanzar cara un modelo de funcionamento máis próximo á veciñanza e máis útil para a comunidade, apartado da confrontación permanente. A boa relación entre a xente que se dedica á política en Maceda e a necesidade de entendemento, poderían facilitar un modelo de traballo construtivo entre as distintas organizacións. Sen renunciar ás diferenzas ideolóxicas, é posible chegar a acordos arredor dun plan de acción común para o futuro de Maceda.
Estou convencido de que son capaces de consolidar, manter e ampliar as actividades deportivas, culturais e festivas que xa existen. Tamén mellorar servizos básicos, como o abastecemento de auga, o saneamento, a recollida de lixo ou a iluminación pública. Debemos continuar co traballo de adaptación do PXOU ás novas necesidades, facilitando a recuperación de vivendas e locais con medidas e incentivos axeitados.
Así como impulsar un proxecto permanente de limpeza dos lugares e das aldeas, así como un plan de prevención e de evacuación fronte os incendios forestais, unha ameaza constante para eses núcleos de poboación. Mesmo resulta fundamental o asentamento de nova xente en Maceda, tanto persoas da contorna que viven fóra e deciden regresar, como doutras que buscan un lugar onde desenvolver os seus proxectos de vida dentro das súas posibilidades. Os políticos de Maceda poden facelo! Boas Festas!
Bieito Seara (Maceda)
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Luis del Val
Las mafias trabajan gratis
Fernando González
DESCUBRINDO A BIBLIA EN OURENSE
Barrabás ou Xesús
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este viernes, 7 de agosto