Cemiterio de elefantes

Publicado: 28 sep 2023 - 04:42

Cando a realidade empírica amosa a delicuescencia da razón desvalida prodúcense situacións paradoxais de desleixo da integridade moral. O tempus fugit é unha evidencia que certas personalidades que ostentaron un poder omnímodo na historia recente rexeitan, proferindo con vehemencia que os seus legados de suposto esplendor son condición suficiente para que as súas verbas sexan a verdade absoluta e incuestionable.

Na actualidade, a vella garda do PSOE, no seu intento de facer prevalecer a súa narrativa coherente de antano, están a divulgar as súas ideas, as cales son en ocasións contrarias aos postulados da dirección do partido, sobre temas como o da amnistía ou o das negociacións cos independentistas.

Ese afán de protagonismo, propio dun narcisismo ególatra, carece dunha factualidade causal, xa que o seu tempo é pretérito. Porén, a presenza destes elefantes na habitación caracterizan certas dinámicas que poden determinar tendencias discursivas que inflúen na opinión pública.

Os seus pensamentos ancorados nunha visión monolítica impiden unha reconciliación ou autocrítica coas accións máis polémicas das súas lexislaturas, establecendo unha omertá. Por conseguinte, representan cabalos de Troia que penetran nas estruturas da socialdemocracia con ideais reaccionarios que corroen os piares axiomáticos. A partir das súas reflexións críticas e, en certos casos, non precisamente construtivas, pódese deducir que o rumbo ideolóxico que está emprendendo a nova xeración socialista é do desagrado da vella cúpula, a pesar de que as leis e reformas levadas a cabo neste mandato contribuíran á harmonía na cuestión territorial e á conquista de dereitos e benestar no plano social.

É tan importante saber actuar como abandonar a vida política cando chega o momento. Como dicía Silvio Rodríguez: “Eu non sei o que é o destino, camiñando fun o que fun”.

Contenido patrocinado

stats