A Confederación Hidrográfica do Douro terá unha oficina en Castrelo do Val

REUNIÓN INSTITUCIONAL

A alcaldesa de Castrelo do Val, Cristina Gómez, e o subdelegado do Goberno na provincia, Eladio Santos, mantiveron unha xuntanza para analizar distintas actuacións no concello

Reunión institucional no Concello de Castrelo do Val.
Reunión institucional no Concello de Castrelo do Val. | Subdelegación do Goberno

A nova alcaldesa de Castrelo do Val, Cristina Gómez, continúa a manter encontros coas distintas administracións un mes despois de asumir o bastón de mando, co fin de comprobar as diversas liñas de actuación no Concello e coñecer o estado dos proxectos que xa están en marcha. Todo isto coa finalidade de dar resposta ás necesidades do municipio e da súa veciñanza.

Neste contexto de coordinación institucional, un dos fitos máis relevantes é a materialización do convenio asinado coa Confederación Hidrográfica do Douro, que foi analizado este mércores co subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos. Grazas a este acordo, o organismo disporá dunha oficina con acceso independente na planta baixa da Casa Consistorial castrelá. Dende este espazo desenvolveranse as actividades da súa gardería fluvial na provincia, achegando a xestión do dominio público hidráulico aos concellos e facilitarase a presenza da entidade no territorio.

Máis vivenda no rural

No encontro, Gómez e Santos tamén abordaron a importancia de favorecer o acceso á vivenda para contribuír á fixación de poboación nos municipios rurais. Neste senso, revisouse a convocatoria de axudas destinadas á adquisición ou autopromoción de inmobles para a xente nova en concellos de menos de 10.000 habitantes. O programa estatal contempla achegas de ata o 20% do prezo, cun máximo de 15.000 euros por vivenda, para persoas menores de trinta e seis anos.

Contenido patrocinado

stats