30 ANOS DE TRABALLO
O arrecendo do pan que xa non sairá do forno da panadería Chandrexa
30 ANOS DE TRABALLO
Hai lumes que non se apagan dun día para outro. Levan anos, décadas, ardendo coa mesma paciencia coa que medran as aldeas e se fai o pan cada madrugada. Pero tamén chega un momento no que mesmo eses lumes antigos acaban por esmorecer. Este mes pechou as súas portas a Panadería Chandrexa, en Celeiros, e con ela apágase un dos últimos fornos tradicionais dun concello no que cada vez quedan menos portas abertas.
Durante máis de trinta anos, o forno de base de pedra e lume indirecto marcou o ritmo das madrugadas en Chandrexa de Queixa. A historia comezara en 1992, cando Luis Fernández e Mari Carmen Rodríguez decidiron apostar por quedar na terra e abrir unha pequena panadería mentres a familia medraba. Naquel tempo recordan que había cinco panadeiros traballando e aldeas cheas dabondo para vender todo o que saía do forno.
Os días empezaban cedo, ás veces demasiado cedo. O habitual era levantarse entre as tres e as catro da madrugada, e non eran poucos os días nos que nin sequera había tempo para deitarse cando había que facer varias fornadas, e loitar con nevadas no camiño nos repartos de inverno. O pan dependía da fariña, da auga e do lévedo, pero tamén doutras cousas que só sabe quen leva toda unha vida amasando: da humidade do aire, da néboa que baixa do monte ou do frío das madrugadas de inverno.
Desde Celeiros, o pan saía cada día cara ás aldeas. O reparto nunca chegou a cubrir todo o concello porque a aposta sempre foi polo comercio de proximidade: coñecer ás persoas, parar nas casas, falar cos veciños. Durante os primeiros anos, o percorrido limitouse a unha ruta desde Paradaseca ata o encoro, e aínda así, cada mañá o pan chegaba ás mesas.
Co paso do tempo, as aldeas foron quedando máis silenciosas. As casas pechadas multiplicáronse e os pedidos xa non eran os mesmos. Nos últimos anos quizais abondaría con repartir unha ou dúas veces á semana, pero o costume e o compromiso mantiveron a ruta de días alternos, como sempre se fixera.
Agora o forno cala por un motivo ben distinto: a xubilación de Luis e Mari Carmen. Na última fornada, as bágoas asomaron mentres o pan saía do forno por derradeira vez. Non foron só as deles. Tamén os seus fillos, Rubén e Melania, viviron ese momento cunha mestura de orgullo e emoción, conscientes de todo o que significou aquel forno para a familia e para o pobo.
Nos últimos días tamén chegaron moitas palabras de agradecemento dos veciños, que saben que botarán moito de menos ese pan de cada día e todo o que representaba. Porque coa marcha da Panadería Chandrexa non só se pecha un negocio familiar: o concello queda tamén sen panadería, un símbolo máis das portas que se van pechando, pouco a pouco, nas aldeas da montaña. Mais durante máis de tres décadas, en Celeiros, cada madrugada houbo alguén acendendo o forno para que o pan chegase ás casas. E esa memoria, como o arrecendo do pan quente nas mañás frías, queda xa prendida para sempre na historia de Chandrexa.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
30 ANOS DE TRABALLO
O arrecendo do pan que xa non sairá do forno da panadería Chandrexa
TAMBORES E TRADICIÓN
Galería | Chandrexa goza dun desfile de folión cheo de cor e son
INFRAESTRUCTURAS
Chandrexa recupera el lavadero público de Rabal
RIESGO SÍSMICO
Chandrexa y Parada, en Ourense, son vulnerables a terremotos
Lo último