Denuncia contra o alcalde de Laza por suposta malversación nas obras do “Bosque Máxico”

PROXECTO ABANDONADO

A Fiscalía Provincial confirmou a apertura de dilixencias preprocesais

Estado actual do interior dun dos edificios que forman parte do parque multiaventura aabandonado.
Estado actual do interior dun dos edificios que forman parte do parque multiaventura aabandonado.

A formación independente Xuntos por Laza anunciou a presentación dun escrito ante a Fiscalía Provincial contra o alcalde de Laza, o popular José Ramón Barreal, por suposta malversación de fondos públicos na construción e xestión do parque multiaventura “Bosque Máxico”.

Segundo o seu comunicado, a agrupación aportou información sobre a “dilación dos prazos de construción, nun caso flagrante de despilfarro de fondos públicos”, e a Fiscalía xa lles confirmou a apertura de dilixencias.

O obxectivo desta denuncia é, en palabras do seu voceiro, Jorge Lorenzo, “que a Fiscalía investigue e aclare quen é o culpable de que a obra estea así e que dea contas quen as teña que dar”.

O “Bosque Máxico” foi un proxecto de parque lúdico na aldea de Souteliño que se iniciou a principios da década pasada e que, tras un investimento de máis dun millón de euros, nunca chegou a entrar en funcionamento.

O actual alcalde, que tamén ostentaba o cargo na xénese deste complexo, afirma “estar coa máxima tranquilidade, porque nunca xestionei un euro nin fun adxudicatario da obra”.

Barreal engadiu ademais que se reserva “tomar as medidas pertinentes para protexer a miña honra, en vista de que se trata dun tema persoal, cando se arquive a denuncia, porque estou convencido que non terá maior percorrido”.

O PSOE ve "desleixo"

O PSdeG-PSOE tamén vén de visitar o concello de Laza. Os socialistas ourensáns, entre os que estaba a súa candidata ao Parlamento Europeo, Lorena Guerra, o secretario provincial e senador, Rafa Villarino e o voceiro en Laza, Juan Ramón Álvarez, comprobou que as instalacións deste proxecto están “totalmente desleixadas”.

Ademais esixiron “que se esclareza dunha vez que aconteceu cos cartos públicos de Europa que se investiron”, e acusou ao PP “do abandono da provincia, prometendo proxectos e investimentos que non se poñen en marcha”.

Contenido patrocinado

stats