Gabriel Álvarez carballiñes tradutor de Haruki Murakami: "De que falo cando falo da tradución literaria? Dun fascinante oficio?

ENTREVISTA

Gabriel Álvarez Martínez naceu no Carballiño en 1985. Licenciado en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, exerce como tradutor literario, de manga e de cómic

Gabriel Álvarez na Librería La Mistral, Madrid.
Gabriel Álvarez na Librería La Mistral, Madrid. | La Región

Gabriel Álvarez Martínez naceu no Carballiño en 1985. Licenciado en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, exerce como tradutor literario, de manga e de cómic. Traduce principalmente do xaponés, e na súa listaxe de autores figuran nomes como Haruki Murakami, Jun’ichiro Tanizaki e Kenji Miyazawa. Recentemente verteu do inglés ao galego o clásico de terror “Drácula”, de Bram Stoker, e traduciu ao castelán a novela “Audición” de Ryu Murakami (Malas Tierras).

Pregunta. Fálenos da súa relación co Carballiño…

Respuesta. Eu nacín e vivín no Carballiño ata os 18 anos. Evidentemente é o meu punto de referencia, alí teño a miña familia, que visito con frecuencia. Aínda que agora resido en Vigo, a miña casa segue estando alí, ata o punto de que, ao volver do Xapón, estiven vivindo alí durante catro anos.

P. Vostede tivo, sendo moi novo, a oportunidade de traducir a Haruki Murakami tanto ao castelán como ao galego.

R. Trátase dun punto de inflexión moi importante, sobre todo ao nivel da miña carreira, porque digamos que tiven a inmensa sorte de podelo traducir xusto cando acababa de empezar a abrir camiño no mundo editorial. De feito, o segundo encargo que tiven de tradución foi unha obra de Murakami ao galego. O editor Carlos Lema, a través dunha amiga en común, púxose en contacto comigo e ofreceume a oportunidade de traducilo para a editorial Galaxia. Fíxeno con Mona Imai, unha xaponesa que nese momento estaba a facer algunhas traducións á nosa lingua. As obras foron “Tras do solpor”, “Do que estou a falar cando falo de correr” e “1Q84”. Este foi un paso que me abriu as portas para entrar no ámbito da tradución literaria, e poder, máis adiante, traducir outros autores xaponeses tanto ao galego coma ao castelán.

P. Que impresión tivo de Murakami ao coñecelo persoalmente?

R. No 2009 Murakami estivo en Santiago de Compostela, pois déronlle o premio San Clemente do Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. A primeira impresión foi a dunha persoa sinxela e un pouco tímida. Nese momento estaba tamén a súa esposa, Yoko, e foi interesante, porque me contou cal sería o título da súa nova obra que pronto sairía no Xapón, que era “1Q84”, e que curiosamente máis tarde acabei traducindo eu, tanto ao español -eu só para Tusquets Editores-, como ao galego con Mona Imai.

P. De que falamos cando falamos da tradución literaria?

R. O que nos fai seres humanos é unha mesma esencia universal, pero existen variacións significativas como a organización social, a relixión, a filosofía de vida, diversos motivos históricos de todo tipo, e iso reflíctese tanto na cultura como no propio idioma. E no caso concreto de Xapón, trátase dunha sociedade moi xerarquizada, cun forte compoñente confucianista, onde incluso as formas de saúdo están condicionadas por esa xerarquía; un estudante de cuarto da ESO diríxese con respecto a outro que cursa o Bacharelato. Outra cuestión dese contexto cultural é que existe unha gran diversidade de rexistros lingüísticos e graos de tratamento dependendo da relación co interlocutor. Por exemplo, nós tendemos máis a dar as grazas como cortesía e os xaponeses a pedir desculpas, e esta sería unha adaptación que debe facer o tradutor para o contexto de recepción do seu traballo. Por tanto, de que falo cando falo de tradución literaria? Dun fascinante oficio, falo dunha inmersión profunda na natureza humana e para isto é importante reflectir as particularidades dos diversos contextos. Un tradutor é sempre un mediador cultural.

P. Que elementos de consumo cultural incorpora vostede para enriquecer o seu traballo?

R. Como traducir do xaponés representa o 80% ou máis incluso do meu volume de traballo, procuro ás veces un san distanciamento desa influencia, lendo cousas que veñen doutras partes... leo moito en galego, español e portugués. Leo tamén, paralelamente, ensaio e algo de poesía. Música escoito de todo un pouco, desde pop rock ata jazz, bossa nova... música electrónica, un pouco de todo. Igualmente leo textos teóricos. De igual xeito leo en francés e italiano.

P. A que desafío se enfrontou vostede ao traducir recentemente Drácula para a editorial Aira?

R. No 2024 o editor de Aira, César Lorenzo, ofreceume traducir ao galego Drácula, de Bram Stoker. Neste caso o peso desa responsabilidade era un pouco maior por dous motivos: primeiro, porque é un clásico universal, e en segundo lugar, polo feito de que xa había unha tradución ao galego (hoxe descatalogada) no ano 1999 por Xela Arias. A outra parte do reto consistía nunha extensión de case 400 páxinas e diversos rexistros lingüísticos de fins do século XIX, que inclúen desde a lingua requintada da burguesía até o inglés culto mais con erros básicos do holandés Van Helsing ou o dialecto dunha vila de pescadores.

P. Como é unha xornada súa de traballo?

R. Preciso moita concentración; de feito, ás veces vén a miña muller, dime algo e case non me decato. Non escoito música polo xeral. Traballo sempre na casa, pois aquí teño o material de consulta e as miñas cousas. Fóra diso, procuro facer outras cousas para esparexer e manterme fresco como ir á piscina ou tocar o acordeón; agora estou indo a clases de pandeireta.

P. Que percepción ten vostede das intelixencias artificiais aplicadas ao seu campo?

R. Aínda que a IA ten moitas aplicacións positivas, sobre todo na investigación, e aínda que por agora non afecta demasiado á tradución literaria, si está a afectar a outros ramos da tradución profesional, en moitos casos sen que comporte unha mellora da calidade nin das condicións laborais; todo o contrario. Preocúpame o seu uso acrítico, as implicacións ambientais e o feito de que se delegue nela funcións humanas. Eu non a utilizo. Traducir literatura é bo de máis para deixalo nas mans dunha máquina.

Contenido patrocinado

stats