O coleccionista de máquinas de coser que soña con crear un museo
A COSTA DE MACEDA
Jesús Carrera encárgase estes días da “mudanza” da súa colección de preto de 200 máquinas antigas de coser, arranxadas por el, que posúe en Santiago da Costa (Maceda), onde vive
Tras someterse en 2016 a unha operación na cabeza de nove horas na que lle quitaron “un cuarto de cerebro”, a Jesús Carrera (Baños de Molgas, 1960) recomendáronlle un pasatempo que o mantivera “activo mentalmente”. Entón unha sobriña deulle unha vella máquina de coser, unha Singer de 1900 que non funcionaba, para que se entretivera reparándoa. Carrera, mecánico xubilado, non tiña experiencia coas cosedoras, pero aceptou o reto.
Se aquela ciruxía en Santiago “co doutor Prieto, unha eminencia da neuroloxía que me deixou bordado”, deulle unha segunda vida tras anos convivindo con “desconexións e mareos, malia non haber ningún tumor”, as máquinas de coser pasaron de ser unha distracción a converterse nunha auténtica paixón para Jesús.
Menos de 10 anos máis tarde xa conta cunha colección de 193 máquinas “listas para coser. Teño máis, pero se non as dou reparado, non as contabilizo. Entón non son máquinas, senón chatarra”.
Reuniu tal cantidade que agora “xa non me collen onde as teño, polo que estounas a levar a un baixo”. Ao igual que ao anterior, o novo espazo atópase en Santiago da Costa, a parroquia de Maceda onde reside.
Preguntado polo futuro da súa colección, Jesús asegura ter falado coas “administracións e con moita xente, pero a ninguén lle interesa”. O seu soño sería que estiveran “expostas nun museo, sobre todo para que os nenos viran a evolución ata as máquinas eléctricas actuais”.
Aprendizaxe constante
Jesús leva no sangue o traballo manual. Fillo do oleiro Manuel Carrera, fundou cos irmáns a Olería do Batán. As máquinas de coser comenzounas a arranxar de xeito autodidacta, a base de “indagar e furgar”. Se ben as máquinas “parécense un pouco”, Jesús insiste en que “todas teñen algo diferente”.
Ás veces bota man do seu veciño Diego, técnico profesional, ao que envía fotos por WhatsApp. Os parafusos moitas veces non son estándar, o que “complica moito a vida”. De feito compara a complexidade das cosedoras coa dun coche. “Teñen a mesma posta a punto. Nestas máquinas teñen que coincidir sete puntos para que poidan coser: a baixada da agulla, o movemento do carrete, do cangrexo, o prensatelas, o arrastre, a tensión e a que tira de novo para arriba”, asegura.
No seu catálogo, datado pormenorizadamente nun taboleiro, figuran aparatos de 33 marcas (Alfa, Pfaff, Frister & Rossmann, Sigma…) obtidos mediante doazóns ou compradas por internet ou en desguaces. “Levo moitos anos detrás dun modelo de Charles R. Goodwin do 1870, está en Salamanca pero custa 5.000 euros”, laméntase Jesús.
O afeccionado afirma que moitas persoas posúen “tesouros orixinais que gardan tirados na casa”, pero cando se ofrece a mercarllas, “piden unha barbaridade”.
Pezas históricas
A peza máis antiga que ten reparado é unha Charles Raymond do 1859. Só de finais do século XIX posúe “entre 30 e 40”. A esa época pertence tamén a que el considera a “xoia da colección”, unha Peugeot Nº 3 de 1877, fabricada en Aviñón e decorada con anxos: “A xente non sabe que esta coñecida empresa francesa empezou producindo muíños de café, e de aí pasaron ás máquinas de coser e máis tarde aos coches”, explica Jesús.
Mentres agarda por un destino “digno” para a súa colección, Jesús insiste en abrir as portas do seu novo espazo museístico “a todo aquel interesado que veña por aquí”.
Polo de agora, un pequeno baixo dunha aldea de Maceda agocha máis de século e medio de historia da enxeñaría, pezas dun valor incalculable que caeron en desuso co paso do tempo, pero que foron clave tanto na industria téxtil como en moitos fogares.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ANTIGA TRADICIÓN
Regueifas, música e felos fan vibrar Maceda no seu Reinado
PISTOLETAZO DE SALIDA
Maceda no se amedrentó y fue fiel a su cita con los entroideiros
FALTA DE VIVIENDA
La modificación del PXOM de Maceda sale a debate público
Lo último