CARÁCTER PATRIMONIAL
Un magosto que achega a cultura galega aos nenos na Insua dos Poetas
CARÁCTER PATRIMONIAL
Chovía na Insua dos Poetas cando o Magosto dos nenos e das nenas apenas estaba a comezar. Os membros da organización colocaban as cadeiras e as mesas no interior dunha carpa e preparaban as cazolas, as castañas, os chourizos -que máis tarde cociñarían asados-, o chocolate e diversas bebidas para os asistentes.
Ás 16,00 horas só había unha nena: Celia Sáez, de nove anos, que estaba a percorrer a contorna cunha vella cámara dixital que lle regalara un familiar facía pouco e coa que documentaba o seu primeiro magosto. Chegaba desde Ourense, acompañada dos seus avós, que naceran no Carballiño. “Nunca fun a ningún magosto e quería probar. Oín que este estaba bastante ben. Vin a Insua dos poetas máis veces, gústame moito e quixen volver para este día, polas actividades e tamén pola comida”, relataba, deixando escapar un pequeno riso ao final. Xusto despois, preparábase para correr e colocarse en primeira fila para ver o espectáculo de maxia de Magaldara, que abría a xornada. Eran entón xa ás 17,00 horas e empezaban a chegar máis nenos. O sol abríase paso entre as nubes e o lume da fogueira non se apagara en ningún momento. A tarde chenouse de ambiente, cos máis pequenos -os protagonistas- disfrutando dos xogos infantís e da actuación musical de DJ Tibu, nunha celebración que rematou nunha comida popular.
Así sucedeu a cuarta edición desta festa, que se celebrou da man da Fundación Insua dos Poetas. Unha iniciativa que naceu para revalorizar o magosto como “un patrimonio cultural e non só como unha festa gastronómica”, como destacou o presidente da asociación, Luis González Tosar. “Queremos que, sobre todo, os rapaces se pregunten a que responde toda esta actividade que xira ao redor das castañas”, expresaba, co foco posto en reivindicala como unha tradición “propiamente ourensá”, que decidiron celebrar nunha contorna cultural ao aire libre como a Insua dos Poetas. “É un espazo que achega natureza, permite ver a época do ano na que estamos a entrar e fai que o magosto non se converta nun xantar máis. Procuramos que os nenos participen, que non sexan convidados de pedra”, destacaba.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CARÁCTER PATRIMONIAL
Un magosto que achega a cultura galega aos nenos na Insua dos Poetas
MODERNIZACIÓN DEL ESPACIO
La Plaza de Abastos de O Carballiño entra en su proceso de reforma
NOCHE DE ESTRENO
O Carballiño y el Celta de Vigo estrenan su nuevo documental
Lo último