De eleccións e de Galiza

Publicado: 15 nov 2026 - 01:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Marcial Suárez, veciño de Allariz e autor de “O acomodador e outras narracións”, contoume nunha ocasión como coñecera a Álvaro Cunhal, daquela secretario xeral do Partido Comunista portugués. Foi en plena rúa de Lisboa: “Achegueime a el e a menos dun metro da súa cara espeteille: Unha honra. Aquí Marcial Suárez. Comunista español, non eurocomunista.”

O Marcial, militante do Partido Comunista de España, non desaproveitou algunhas das súas estadías na Galiza para colaborar, de moi diferentes xeitos, co Bloque Nacionalista Galego. Todos lembramos aquel mitin electoral no mítico bar San Lorenzo de Allariz no que participou pedindo o voto para o BNG. Non sería a única vez.

O Marcial contábame como, de volta a Madrid, tiña que lidar con camaradas de partido que non entendían o seu apoio ao nacionalismo galego e puñan en entredito a denominación de esquerda de tal movemento. El contestaba con claridade e contundencia: “Eu non sei se o BNG é de esquerdas. O que si sei é que todo o que fai é limpo e de esquerdas. Non como outros.”

Nunha ocasión tiven a oportunidade de departir largamente con el e co seu camarada Antonio González “O Pirulo” sobre o contido ideolóxico do nacionalismo galego contemporáneo. O Pirulo, meu tío, acababa de chegar do longo exilio en Cuba. Os dous mantiñan un forte desencanto co seu partido, pero tamén distancia ideolóxica co que eu lles contaba sobre o BNG. Pero vin neles aquel día certa admiración polo que estabamos a facer. Admiración e solidariedade. Aquel día creo que coñeceron mellor un proxecto político feito dende a nada. Construído sen apoio de ningún grupo económico de presión, sen acompañamento de ningún grupo mediático de influencia. Labrado coa entrega militante de xente nova que, cada vez que falaba, non reclamaba privilexios para ninguén, senón dereitos para as maiorías sociais do país e autogoberno para Galicia. Era difícil que un movemento así non suscitase a simpatía de quen se declaraba rotundamente de esquerda.

Nestes días de balbordo electoral penso moito no Marcial e no Pirulo. Sei ben o que eles farían. E non podo deixar de pensar no que fará tanta xente que, sen ser nacionalista, pode determinar o resultado das próximas eleccións na Galiza en favor do noso país e dos dereitos das maiorías sociais que aspiran a ter unha vida digna.

Se hoxe existise o bar San Lorenzo e o Marcial e o Pirulo aínda estivesen entre nós, seguro que aproveitarían para volver facer o que tantas veces fixeron. O Marcial pediría o voto para as xentes do BNG “porque todo o que fan é limpo e de esquerdas”. E o Pirulo aproveitaría a súa condición de experto en estatística para sumar ao seu argumentario político outro matemático: o único que está hoxe en condicións matemáticas de arrebatar escanos á dereita española na Galiza é o BNG.

Pois non están eles, pero estamos nós para facelo.

Contenido patrocinado

stats