Opinión

PEPE TREBOLLE

Sempre se fala das casualidades da vida para coincidencias temporais que nos sorprenden de xeito especial. Pero sabemos que tamén existen casualidades da morte. E estes días os amigos sufrimos unha dobremente dura. O día 7 pola tarde despedimos a Marcos Valcárcel e nesa noite morreu o amigo común Pepe Trebolle. Tan xuntos marcharon que, seguro, tomaron o mesmo tren cara ao ceo. Pepe -Carballeira chamábanlle todos na súa vila natal de Sarria- foi o director durante anos o da obra social de Caixa Galicia en Ourense. Sen dúbida foron os mellores anos da acción cultural desa entidade entre nós. Trebolle sempre acollía con discreción e agarimo as inciativas que lle propuñan e procuraba apoialas ata velas convertidas en realidades. Pepe entendía, e eu creo que entendía ben, que o seu traballo non era o de ser o centro das miradas, o do lucimento persoal, senón o de impulsar con decisión as cousas que estaban da súa man na actividade cultural da cidade. ¿Lembran os ciclos de conferencias na sede de Caixa Galicia do Paseo? ¿Lembran as xornadas de arte, de historia, de literatura, de antropoloxía? Desde o Museo Arqueolóxico de Fariña, á Facultade de Xeografía e Historia de Vitoria Carballo, desde as cousas de antropoloxía de Fidalgo ou desde o Clube Alexandre Bóveda de Marcos, ou desde os Cogordos de Juanjo e amigos, a ducias e ducias de iniciativas particulares encontraron no salón de actos de Caixa Galicia o seu acubillo. E o impulso editorial. Pepe Trebolle, agarimando a historia da cidade e desexando fixar textos efémeros, publicou da súa man os libros de Marcos Valcárcel con recompilacións de dispersos 'A cidade da xeración Nós' (1995) ou 'Pé das Burgas' (1998). Ou as Guías Patrimonio co Museo Arqueolóxico, ou libros en colaboración coa Fundación Otero Pedrayo e os das recompilacións das xornadas de arte que alí se celebraron. Como recoñecemento a esta actividade, cando se prexubilou, os amigos quixemos regalarlle un cadro de Xaime Quessada. Pero Xaime, ao saber para quen era, nin nolo cobrou.


¿E hoxe? ¿Que foi daquela presenza? Dicíame onte un amigo que daquela a Caixa tiña cara e alma. Sabías a quen dirixirte, sabías que Pepe Trebolle tiña marxe de actuación e vontade de exercela. Despois outros centros como o Simeón ou o Foro La Región substituíron aquel impulso da palabra culta e chegou, tamén, o triste tecnocrático centralismo financieiro.


Desde que Marcos enfermou, Pepe Trebolle xubilado xa, dedicoulle o seu tempo dunha forma constante. A súa figura elegante, lanzal, de pelo inmaculadamente branco, empuxando suavemente a cadeira de rodas de Marcos, servíndolle de chofer, fíxose tan habitual que moitos chegaron a pensar que era seu pai. 'Xa me gustaría', recoñecía sen rubor. Pois ben, agora de novo, os dous, xuntos, liberados de corpos, cadeiras e enfermidades, seguro que botarán unhas risas vendo o video de youtube de Hitler e o nome da Novacaixagalega. Seguro que algo organizan. Coma sempre, coma sempre.

Te puede interesar