“Ano Castelao”, O Parlamento de Todos

DÍA DE GALICIA

Publicado: 25 jul 2025 - 01:15 Actualizado: 25 jul 2025 - 08:14

O Parlamento de Todos
O Parlamento de Todos

A principal función do Parlamento de Galicia é a lexislativa, xunto coa electiva e a de impulso e control da acción de Goberno, como acontece en todos os sistemas democráticos.

Con independencia destas funcións, cómpre impulsar tamén un labor didáctico, que no noso caso toma diferentes formas, entre as que está a actividade editorial e cultural, sempre promovendo o coñecemento do feito diferencial de Galicia, que se articula a partir dunha lingua, unha historia e unha forma de ser propia de nós.

Síntome moi honrado de dar así cumprimento ao mandato para preservar o carácter institucional do Panteón de Galegos Ilustres, xa consolidado como símbolo de concordia

Como teño dito en máis dunha ocasión, o conxunto da sociedade galega seguramente coñece mellor determinados persoeiros alleos que os pais fundadores da Galicia contemporánea.

Así, presentamos na sede da Cámara galega o libro O Estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios, sobre o proceso de tramitación parlamentaria do Estatuto de autonomía de Galicia, despois de ser plebiscitado o 28 de xuño de 1936, e a posterior constitución do Consello de Galiza, presidido por Castelao. Superar ese descoñecemento é un dos obxectivos deste libro, froito do traballo do historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, co que se achega luz sobre un proceso que resultaría determinante para a Galicia contemporánea.

Precisamente, a finais do pasado ano quixemos conmemorar na primeira institución da Comunidade o 15 de novembro de 1944, ano en que se constituía en Montevideo o Consello de Galiza, presidido por Castelao (do que xa escribín nestas páxinas)e integrado por outros tres deputados galegos residentes en Suramérica: Ramón Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos e Elpidio Villaverde, aos que máis tarde se sumaría Alfredo Somoza, en 1947.

Co Consello de Galiza tomaba forma a “institucionalización do autonomismo galego” e, parafraseando o profesor Justo Beramendi, “...co seu impulso, Castelao reforzou a equiparación de Galicia con Cataluña e o País Vasco, algo que recoñecería a Constitución de 1978 e que facilitaría na Transición o acceso de Galicia á autonomía pola vía rápida”. Que supuxo isto? O autogoberno de Galicia e, polo tanto, transferencias en materias de importancia vital, como a competencia plena da Comunidade Autónoma galega do ensino en toda a súa extensión, ou o traspaso da sanidade xestionada polo antigo Insalud a Galicia, ou, máis recentemente, a xestión do noso litoral.

Por último, quero mencionar un importante fito, xustamente cando se cumpriron 75 anos do falecemento do ilustre intelectual galeguista en Buenos Aires e no ano en que a Xunta de Galicia declarou o «Ano Castelao» para enxalzar unha das figuras máis relevantes da historia galega.

Froito da colaboración de distintas institucións, porque, cómpre dicilo, Castelao é de todas e de todos, o 24 de abril botou a andar a Fundación do Panteón de Galegas e Galegos ilustres, convertida na bandeira dun novo símbolo da identidade de Galicia e nun lugar de referencia no devir da conciencia das novas xeracións.

Como presidente do Parlamento, síntome moi honrado de dar así cumprimento ao mandato previsto na Lei do Panteón de Galegas e Galegos ilustres aprobada no ano 2023, para preservar o carácter institucional dun Panteón xa consolidado como símbolo de concordia, grazas a un amplo acordo social e político dirixido a honrar a memoria dos nosos ilustres alí soterrados.

Espero que sirva para tributar un novo e merecido recoñecemento a Castelao, como un dos pais fundadores da Galicia contemporánea, democrática e autonomista; e tamén para mellorar no coñecemento da nosa historia.

Contenido patrocinado

stats