Anos de vida e xenerosidade

Publicado: 01 dic 2024 - 00:26

Como ourensán e como galego, non podo máis que sentirme moi orgulloso de ter coñecido a don Benigno Moure e de contar coa amizade de quen, coma el, foi sempre un adiantado ao seu tempo. Así o acreditan as múltiples iniciativas que, desde a sólida filosofía cristiá, impulsou en favor dos máis necesitados, ata converter a Fundación San Rosendo nun referente nacional e internacional da atención ás persoas maiores e aos máis desfavorecidos.

Esta vocación súa cobrou aínda máis relevancia nunha provincia cunha poboación moi envellecida como é a nosa, tanto pola caída demográfica como pola maior esperanza de vida. “Dar anos á vida con coidados persoais” é un lema que don Benigno levou á práctica ata estender ese bo facer a toda Galicia cunha rede de 73 centros asistenciais, dos cales case o noventa por cento están en concellos rurais.

Persoalmente, puiden comprobar a súa innata empatía e xenerosidade cando, sendo eu director do centro de Toén, me abriu as portas para darlle continuidade asistencial aos pacientes psiquiátricos cando xa non era posible nesa institución.

Don benigno foi grande en todo. Como a súa biografía enteira, foi un sentimento de xenerosidade na súa máxima expresión

Comparto con el a visión e a aposta polo termalismo como terapia asistencial de futuro en Arnoia, Laias e Lobios, tanto polos seus beneficios saudables como polos seus efectos positivos no asentamento da poboación, nunha provincia como a de Ourense na que o despoboamento e a dispersión ameazan o seu desenvolvemento económico e social.

Xunto co profesor Luis Rodríguez Míguez, tivo clara a reivindicación de incluír as propiedades curativas das nosas augas mineromedicinais na carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde, asunto este que aínda hoxe non está cumprido.

Moi importante foi tamén a súa decisión de abrir, a través de Cáritas, unha unidade para atender os pacientes con condutas aditivas (alcoholismo).

Debemos todos contribuír a conservar o seu inmenso legado para que o seu labor social continúe a ser un exemplo de profesionalización e de resposta eficaz na asistencia social entre os colectivos máis desfavorecidos, como as persoas maiores, aquelas que teñen algunha discapacidade ou as que necesitan recuperarse dalgunha adicción.

Debemos conservar o seu inmenso legado para que o seu labor continúe a ser exemplo de resposta eficaz na asistencia social

A primeira vez que visitei a don Benigno sorprendeume que nas súas dependencias todos os traballadores e directivos traballaban coas portas abertas. Sentín curiosidade por esta cuestión e preguntei cal era o motivo de o facer así, e díxome: “Todos teñen que saber de todo, tanto no bo coma no malo; as portas abertas acercan e posibilitan un mellor coñecemento de todo.”

Dende aquel día, no ano 1985, sempre desenvolvín o meu traballo, nas distintas responsabilidades que exercín, con portas abertas. E podo dicir que ata o día de hoxe non me foi mal.

Don Benigno era grande en todo, ata cando, nos momentos máis difíciles da súa vida, foi quen de aceptar con dignidade a inxustiza que se verteu sobre a súa persoa. Como a súa biografía enteira, foi un sentimento de xenerosidade na súa máxima expresión.

Estou seguro de que a Fundación San Rosendo, o seu cadro de persoal, os seus benfeitores e os seus colaboradores seguirán o camiño marcado por don Benigno, afondando no mellor exemplo do seu bo facer en favor dos máis necesitados.

Agradecido por todo, e longa vida á súa memoria.

Contenido patrocinado

stats