O xuíz e boticario Fermín Fernández

Oculto pola sombra profesional do seu fillo -o xornalista Felipe Fernández Armesto-, así como polo pseudónimo utilizado por este -Augusto Assía-, Fermín Fernández foi un personaxe con historia de seu que ten como centro neurálxico A Mezquita. Co estado da cuestión da política nacional na man de xuíces e fiscais e un inexplorado interrogante no horizonte, e coa tradicional celebración da Festa de Reis (agora reformulada) na Mezquita, pídeme paso a senlleira figura de Fermín Fernández Gómez, fillo e pai de dous persoeiros ostentóreos, que foi quen de vivir unha vida propia e intensa dende a aldea fronteiriza, non só como boticario, senón tamén como xuíz que sufriu as iras dun pobo amotinado con dinamita por mor duns terreos que disque eran do común.

Publicado: 06 ene 2025 - 02:15

Para entender o privilexiado contexto vital no que transcorreu dende moi novo a andaina de Fermín, resulta imprescindible explorar a portentosa personalidade de seu pai Felipe Fernández Suárez, “un personaxe fascinante, case de lenda”, a dicir do historiador Carlos Fernández-Santander.

Fermín é o máis novo dunha abondosa prole consituída por dez irmáns, polo que, máis que chegar cun pan debaixo do brazo en 1876, o que atopou foi unha verdadeira “panaderia” de afectos e oportunidades que non ha desperdiciar. E para demostralo non hai máis ca saber que cando foi levado a Ourense para estudar, seu pai tiña unha habitación alugada de forma permanente no Hotel Miño e que, cando o fixo cara Santiago para licenciarse en Farmacia, o pai enviou con el un cabalo e un mozo de servizo co fin de que non perdera un ápice de comodidade na súa etapa universitaria.

Felipe incomodárase, por cuestións políticas, co boticario da Mezquita e xurou facerlle a competencia, o que o levou a retirar a Fermín da carreira de Leis que levaba dous anos cursando en Valladolid e mandouno para Santiago co obxectivo de contar cun futuro boticario no clan.

Non é de extrañar que con tal aureola de mozo de aldea, pero con status de opulencia familiar, a súa figura non pasase desapercibida entre a mocedade compostelá e coincidindo co derradeiro curso (1900) chegou mesmo a ter amores con Gala Murguía, unha das fillas de Rosalía de Castro, aínda que non fructificou. E non o fixo porque os seus ollos levaban tempo chantados nunha veciña de Viana do Bolo, tamén da “alta” sociedade comarcal, Ricarda García Armesto, con boa formación cultural procedente do colexio de Placeres (Pontevedra), coa que casa en 1903 e coa que tivo catro fillos, o propio xornalista, Felipe, Antonina, Fermín e Ricardo.

Superada a etapa formativa, Fermín céntrase -como fora predestinado- no asentamento da farmacia fronte ó boticario rival, así como na educación dos fillos, pero mantendo unha a miúdo conflitiva relación veciñal, que estoura coa chegada dun novo cura á parroquia de San Martiño da Mezquita.

Gabriel Cid, que así se chamaba o crego, non só dedica o seu tempo ó “pastoreo do espírito” dos parroquiáns, senón que tamén se ocupa de ofrecerlles unha ampla diversidade de actividades -remuneradas, iso si!- coas que lle fai a competencia, entre outros comerciantes locais, ó propio negocio de Fermín.

Tan é así que acaba denunciando a situación nun incendiario artigo publicado o 4 de novembro de 1908 no xornal “El Miño” baixo o título de “un saceredote aprovechado”, no que se amosa indignado porque “desde que asentó aquí sus reales” converteuse “en relojero, hojalatero, lampistero, fotógrafo, castrador, vacunador de cerdos y expendedor de cera, cuyos oficios ejerce con el mayor descaro”.

A denuncia ponlle lume a un enfrontamento irreconciliable entre o propio Fermín -en “El Miño”- e un anónimo defensor do crego -en “El Eco de Orense”- que só se resolve despois de que Fermín conseguise a praza de xuíz municipal e o bispo decidise o traslado do crego para Rairiz de Veiga.

Pero, o que semellaba unha vitoria de Fermín fronte ó abade, ó final non o foi tanto, pois só tres anos despois, a mediados de abril de 1913, os xornais da provincia e do resto de Galicia reproducen case mimeticamente un titular que fala dun “motín contra un juez municipal”, dando conta de que “en el pueblo de la Mezquita se amotinó el vecindario contra el juez municipal, que lo es el farmacéutico Fermín Fernández”.

“Los amotinados -relatan- se presentaron delante del domicilio del Sr. Fernández en demostración hostil y empezaron a disparar bombas, tiros de revólver y gruesas piedras contra el edificio”. A indignación era tal que mesmo lle colocaron un cartucho de dinamita que causou graves desperfectos na construcción.

A causa? “Que el pueblo estaba hace tiempo disgustado e inquieto contra don Fermín, por que este había comprado unas fincas que las gentes utilizaban como pertenecientes al común”.

O pai, un pioneiro na exportación da pana, que ía para cura e procreou a dez fillos

No libro, “Augusto Assía, un periodista de vanguardia”, Fernández-Santander traza unha apurada pero completa silueta do vello Felipe como promotor dun lucrativo negocio de importación e exportación da pana con orixe na próxima cidade lusa de Bragança e destino en Barcelona, que resultou ser o alicerce sobre o que asentou unha situación económica boiante da que se beneficiou, non só Fermín, senón tamén o resto dos seus nove irmáns.

Un negocio no que había días nos que chegaban a facturar tres mil reás (uns tres mil euros de hoxe) -recolle Fernández-Santander-; que tiña como centro neurálxico a Mezquita e que lle permitiu financiar a estrada que comunicou a Mezquita coa nacional de Vigo-Benavente e converteu a Felipe nun inquedo pioneiro que tivo o primeiro teléfono privado da provincia con conexión para o envío de telegramas co que se mantiña diariamente informado da flutuación da Bolsa en Madrid; que o fixo propietario do primeiro fonógrafo e mesmo dun dos tres primeiros coches privados de Ourense, mercado ó involucioniosta portugués Paiva Couceiro, co que estableceu relación cando Paiva se instalou na comarca para loitar contra a recén nacida república portuguesa.

Herdeiro desta privilexiada situación, loxicamente Fermín non se arredou cando lle chegaron os días acedos e, co mesmo arrouto de seu pai foi quen de superar o episodio do atentado contra a súa casa e despois duns anos decide adquirir unha farmacia no centro de Vigo.

Fíxoo en 1921, sen esquecer á terra nutricia, non en van ó ano seguinte ve renovada a súa condición de xuíz municipal na Mezquita, mentres o infortunio agarda agochado coas súas gadoupas en forma de incendio da farmacia olívica, en 1924, o que lle provocou unhas perdas de arredor de 50 mil pesetas.

Unha vez máis, o espírito emprendedor que Fermín aprendera de seu pai, non lle permitiu caer vencido e en 1931 decide instalarse en Ourense cunha fábrica de licores situada no número 76 da rúa do Progreso, nos locais da antiga “La Vid”, actividade que compaxina coa rexencia dun “coche de liña” que mantén servizo dende a Mezquita, a onde retorna novamente en 1934 para volver alimentar a vocación de xuíz municipal que nunca perdera. E se na Mezquita abrira os ollos en 1876, na Mezquita os pechou finalmente o 2 de febreiro de 1948.

Contenido patrocinado

stats