Ricardo F. Colmenero
Saúda o tolo
LA OPINIÓN
Nunha brumosa noite do século IX, en medio da cruenta Reconquista, o apóstolo Santiago aparéceselle a Ramiro I de Asturias. Acurralado e fundido, éncheo de afouteza para seguir loitando contra os musulmáns e, ao amencer, aparece un xinete de luz ao lombo dun cabalo branco. Ao berro de ‘¡Santiago y cierra, España!’ o apóstolo gaña a batalla de Clavijo para os cristiáns. Pero antes diso, xa era galego. Santiago o Maior, fillo de Zebedeo, chega a Hispania no 33 para predicar o evanxeo. No seu regreso a Xudea é decapitado por Herodes. Os discípulos, Teodoro e Atanasio, tráeno de volta nunha barca de pedra e o enterran no monte Libredón. Oito séculos despois, o ermitán Paio atopa o sepulcro e Alfonso II manda construír unha igrexa onde hoxe se atopa a Catedral.
O pasado domingo a selección gañou o Mundial. Unha semana despois, celebramos o día de Santiago, patrón de Galicia e de toda España e convén contar as fazañas doutros apóstolos -españois e galegos- que fixeron historia co balón.
Borja Iglesias Quintás (Santiago, 1993) vén de converterse no primeiro futbolista masculino de Galicia en levantar a Copa do Mundo coa selección española. Coa súa participación no certame americano, foi o décimo quinto galego en disputar o mundial, pero ningún chegara tan lonxe. Unha muller foi a nosa primeira campioa, Tere Abelleira, temón e guía de España en Australia 2023. Pouco despois daquilo, Borja plantouse ao carón das súas compañeiras que renunciaron á selección reivindicando reformas estruturais en prol dos seus dereitos. No seu discurso tamén hai espazo para a loita contra a homofobia, a defensa de Palestina, a igualdade ou a denuncia dos extremismos. O rol de Borja neste vestuario excede, por moito, o competitivo. Porque por riba de ser un gran deportista é, sen dúbida, o mellor embaixador da solidariedade galega.
Tres deportistas que puxeron a súa sabedoría e talento ao servizo de España pero que, como o apóstolo Santiago, antes de todo iso, xa eran galegos.
Diego Sánchez Rojo (A Coruña, 1992) foi o primeiro árbitro de Galicia en chegar a unha Copa do Mundo. O único español neste certame xunto a Hernández Hernández, Naranjo Pérez e Del Cerro Grande. Debutou como asistente no Brasil-Haití e tamén estivo como reserva no Arxentina-Austria e no Congo-Uzbekistán. De seguro que a Diego aínda lle quedan moitos mundiais por xulgar, pola súa xuventude e pola súa destreza coa bandeirola.
Verónica Boquete Giadáns (Santiago, 1987) é a primeira muller comentarista técnica dun mundial masculino na cadea pública. Xunto a Juan Carlos Rivero e Mario Suárez formou o tridente das retransmisións dos partidos da selección. Unha voz autorizada que segue rachando teitos dentro e fóra do campo. Foi a primeira española en ser nomeada ao Balón de Ouro, a primeira en gañar unha Champions e a capitá da selección no primeiro mundial da súa historia, precisamente en Canadá 2015. Ao aterrar daquela viaxe, comezáronse a sentar os vimbios da rebelión do fútbol feminino polos seus dereitos. As 23 xogadoras asinaron unha carta coa que conseguiron a dimisión do adestrador Ignacio Quereda e das súas formas vexatorias e humillantes. A primeira misiva das futbolistas data de 1996 e a última, en 2023. Grazas ao traballo de todas e de pioneiras coma Vero, o futfem non para de medrar e o mellor, aínda está por chegar.
Este é o brevísimo relato de tres persoeiros que fixeron historia no Mundial 2026. Tres deportistas que puxeron a súa sabedoría e talento ao servizo de España pero que, como o apóstolo Santiago, antes de todo iso, xa eran galegos.
@jesusprietodeportes
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
ayudó a 429 personas
Cáritas de O Barco advierte que la pobreza se cronifica
FUNDACIÓN CURROS ENRÍQUEZ
Pulo promocional para a literatura e autores de Terra de Celanova
MELLORA NO ABASTECEMENTO
Sandiás inviste 70.000 euros na depuradora de Cerredelo