Aqueles veráns dos sesenta

Publicado: 16 jul 2025 - 04:10

Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

Cada estación do ano deixa tras de si un arrecendo que aviva as imaxes e a memoria dun tempo pasado. Ben sei que, caer no tópico de que calquera tempo vivido foi mellor co presente, é un erro. Comparar situacións e maneiras de vivir da sociedade dun tempo con outro resulta complexo, pois as maneiras de existir son diferentes dado que a sociedade muda e evoluciona tanto en avances de todo tipo como en costumes e maneiras de pensar. Con todo, ás veces, lembrar implica revivir e recordar imaxes, feitos e persoas que xa non están con nós e das que se poden extraer cousas positivas.

Porque, cando se ignora o pasado, nada se entende do presente. E tampouco se percibe a evolución do que foi ó que temos na actualidade

Pois ben, abstraéndome e recordando, lembro con moita claridade un tempo cando os que eramos rapaces do rural nos bañabamos nas presas dos muíños que había no Barbaña. Si, esas eran as nosas piscinas naturais, non había outras, e tampouco nos queixabamos. E nesa ristra de imaxes recordo os baños na chamada Presa Grande, onde íamos moitas veces a xogar coa auga e refrescarnos. Alí dun lado estabamos os de Seixalbo xogando e facendo arroutadas, e do outro estaban as mozas de San Cibrao das Viñas todas moi pimpinelas. Andando no tempo, por mor da contaminación do Polígono Industrial, comenzaron a aparecer os peixes mortos e os cheiros daquelas augas que sempre foran limpas e cristaiñas, e todos deixamos de ir alí a bañarnos. Pasado un tempo chegaron as piscinas de Oira que se converteron nun refuxio para os ourensás. Todo un avance para desfrutar da auga. E dende aquela moitos deixaron de bañarse no Miño, pois era e é moi perigoso. Dese tempo tamén lembro o circuíto de festas nos arredores da cidade. Aínda que primeiro estaban os Asaltos-Bailes do xardíns dos Posío que comezaban despois da Semana Santa. Cantos amores se teceron escoitando as diferentes orquetras que alí tocaban. Por citar lembro a Auria dos irmáns Cudeiro e máis adinte os Celtas e os Arquinos. E de vez en cando as actuacións de artistas como Rafael e Julio Iglesias. No tocante as festas dos arredores eran moitas e comezaban despois do mes de marzo. Podería citar: Cudeiro, Rairo. Seixalbo, a Valenzá e moitas máis. A elas íamos naqueles autobuses do Viaxes Marca agarrados as portas ou, ateigados como sardiñas nunha lata de conservas. Eu lembro ir ás festas de Reza neses autobuses... Nin que dicir das festas maiores da cidade que eran as do Corpus. Pois naqueles anos, década dos setenta, tiñan un contido que engaiolaba a toda a cidade e animaba á participación. Nada que ver co que acontece na actualidade. O número estrela era a chamada “Batalla das Flores e pola noite a Verbena do Posío”. Ademais diso, había concurso de Billar no Liceo, a Baixada do Miño en Piraguas e moitas actividades máis que quedan esquecidas no tinteiro. Todo eso xa forma parte dun pasado que deixou un arrecendo de saudade. Mais como os tempos mudan e moito, a día de hoxe percibo nas novas xeracións un grande descoñecemento do pasado e da forma de vivir dos seus pais e avós. E digo isto, pois non hai erro maior que vivir o presente descoñecendo moitas cousas do pasado. Porque, cando se ignora o pasado, nada se entende do presente. E tampouco se percibe a evolución do que foi ó que temos na actualidade. Por iso, sempre é bo lembrar pra comparar e entender como se vivía; entender que, con moi pouco, eramos felices. Para entender incluso como nos relacionabamos. Insisto, non son dos que penso que calquera tempo pasado foi mellor. Mais é moi bo que os nosos netos saiban como eran aqueles anos e que, sen tantos artificios, maquinas e ordenadores tamén eramos felices. En fin, como cada estación deixa os seus recordos, hoxe tocoulle a aqueles veráns.

Contenido patrocinado

stats