Chito Rivas
PINGAS DE ORBALLO
Que ninguén me moleste
Tirar conclusións de titulares ou extraer fragmentos de realidade para construír novelas á carta alimenta a desinformación. Fiel á lei de ferro enunciada por Michels, a oligarquía que prefire a obediencia á intelixencia castiga con máis saña ao heterodoxo da casa que ao adversario declarado. Houbo quen quixo malinterpretar o debate que o 15 de xuño no Liceo aspiraba a avaliar as opcións dun cambio pola esquerda na capital. O Ourense Policy Lab inauguraba un espazo de análise sobre coordenadas académicas. Non era un acto de campaña nin a presentación de candidatura ningunha. Tratábase de xermolar ideas que importan porque un goberno municipal pode transformar o cotián da veciñanza. O Concello decide sobre urbanismo, vivenda, mobilidade, economía local e servizos sociais. E nunha cidade onde a renda do centro supera en 16.000 euros a dos barrios máis pobres, a esquerda está interpelada.
Até a recente moción de censura apoiada nunha tránsfuga de Lugo, Ourense era a única gran cidade galega gobernada pola dereita. DO ocupa a alcaldía porque o PP o permite a cambio da Deputación, binomio inaugurado en 2019 e repetido en 2023. Pérez Jácome é un caso extremo de ultrapopulismo autoritario local: teatralidade como substituto da xestión, confrontación permanente con instancias superiores, construción sistemática do inimigo interno -praceiros, asociacións, medios críticos, funcionarios municipais-, burbulla mediática ao servizo do relato persoal e deterioro deliberado dos servizos como táctica. O que Fieschi chama “tiranía da autenticidade”, o mecanismo polo que o que “semella verdadeiro” devén “proba suficiente” e a emoción despraza a verificación dos feitos. Ultradereita ourensá, réplica miúda dun modelo que o Reagrupamento Nacional ensaia en Francia desde os noventa.
Malia o contexto xeral de emerxencia, a esquerda terma con eivas de seu
O experimento ten custos tanxibles. Facenda leva meses retendo millóns ao Concello, único caso das 101 cidades baixo o sistema de cesión de impostos, e o transporte urbano arrastra un contrato caducado desde 2015 entanto a avenida de Portugal arrisca os fondos europeos pola interrupción das obras. Alén da falta de proxecto e impericia, os salarios están catro euros por hora baixo a media galega, a oferta de arrendamentos caeu un 22% en tres anos e hai nove candidatos por piso baleiro, cuxo aluguer subiu un 12% nun ano. O 80% da poboación non ten unha zona verde a menos de 300 metros e sete de cada dez pensionistas cobran por baixo do salario mínimo. Evidencias dunha fenda social que non encaixa coas prioridades nin co relato de autenticidade que sostén o binomio involucionista.
Malia o contexto xeral de emerxencia, a esquerda terma con eivas de seu. Mouffe e Mudde analizaron como, ao desprazar o seu discurso cara á identidade, recoñecemento, ecoloxía e axenda cultural, o progresismo occidental relegou as urxencias materiais que un goberno local tamén debe atender. Prazas en escolas infantís e comedores que sosteñen a moitas familias, atención domiciliaria para maiores e dependentes, unha bolsa de vivenda municipal a prezo accesible, transporte ben dimensionado que conecte barrios afastados. Preocupacións que se deixaron de poñer no centro para desconectar do seu electorado tradicional. Tras a derrota de Kamala Harris de 2024, Klein e Thompson reivindicaron un “socialismo da abundancia”, un xiro para que a esquerda deixe de xestionar a escaseza e volva promover un futuro polo que pague a pena loitar.
A inflación de mensaxes en redes sen substancia nin proxecto detrás non engade e desgasta a quen a practica
O bloque progresista local arrastra ademais un problema estrutural de oferta. En 2019 presentouse repartido en cinco candidaturas que dilapidaron 5.639 votos sen obter representación, suficientes para inclinar a balanza. En 2023 corrixiu a dispersión cunha marca única, pero sen rostros coñecidos nin proxecto de cidade, armado ás présas semanas antes do voto. O patrón de irrupción tardía e evaporación tras o reconto non xera confianza. A iso súmase o que Dan Williams chamou “catastrofismo de confort”, discurso que enumera os males sen propoñer saída. A aritmética non admite equívocos. A suma de PSdeG e BNG non alcanza por si soa, e sen unha terceira forza de esquerda capaz de mobilizar a indecisos e abstencionistas non hai alternativa. Por certeiro que sexa o diagnóstico, ninguén se move sen unha proposta na que crer.
Nada se resolve con máis comunicación buxá. A inflación de mensaxes en redes sen substancia nin proxecto detrás non engade e desgasta a quen a practica. O electorado progresista, eses milleiros que apoian a esquerda nas xerais e quedan na casa nas municipais, non reclama relato, pide argumentos. Sondaxe cifra en case un 44% a bolsa de indecisos e abstencionistas, o maior caladoiro da cidade e a medida exacta do desencanto. Mobilizalo esixe falarlle do seu barrio, do seu aluguer, do seu autobús. O debate do Ourense Policy Lab non pechou a conversa, abriuna. Virán outros sobre como un ultrapopulismo sobrevive sen gobernar, a relación entre socialdemocracia e nacionalismo, os medios ao servizo do poder ou políticas de vivenda, mobilidade e financiamento municipal. A folla de ruta é clara, e estamos dispostos a pagar o prezo de pensar Ourense en voz alta.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
GUERRA EN ORIENTE MEDIO
La AIE prevé excedentes de petróleo para 2027
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este jueves, 18 de junio
VISITA DE LEÓN XIV
El papa destaca la unidad de la gente en su viaje a España