As esperas teñen idade?

PINGAS DE ORBALLO

Publicado: 21 dic 2025 - 05:10

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Alí está el; sentado á sombra dun carballo que está á beira do camiño que vai desde a estación do ferrocarril de Baños de Molgas ó muíño do Dositeo. Está esperando. Esperando non sabe moi ben que. Non ten idade de esperar, pero espera. Sen saber tampouco moi ben se as esperas teñen idade.

Ante calquera movemento del, emprenderá o voo. El, como espera tan ensimesmado, non se move. Estará pensando nese tempo que xa tan só lembra ós cachos.

Mentres espera, a música soa nos seus oídos. Agora mesmo escoita “Brazil”, na versión de Geoff e Maria Muldaur. Ó mesmo tempo, pensa. Para os pensamentos si que non hai idade. É máis, canto máis vello, máis pensamentos, máis tempo para lembrar. Aínda que, ás veces, e coa súa idade, a súa memoria empeza a ser efémera. Non obstante, aí está o tempo que foi. O tempo futuro sabe tamén que cada vez será máis curto. El sabe que avanza cara a un final. Porque todo ten o seu principio e a súa fin. El tivo un principio. El terá un final. Alí segue el. Esperando. Escoitando agora “C.R.E.A.M.”, pola banda El Michels Affair. E contemplando, pero sen practicamente ver, a unha rula que non lle perde ollo. Ante calquera movemento del, emprenderá o voo. El, como espera tan ensimesmado, non se move. Estará pensando nese tempo que xa tan só lembra ós cachos.

Din que o tempo pasa e todo cambia. O tempo está pasando pero el non se move. Non lle quita ollo á rula, mais nótase ás leguas que nin a ve. Está coas súas cousas, co seu mundo. Un mundo cheo de feitos e experiencias. Un mundo que foi seu. Un mundo que, ás pingas, deixa de ser. Por fin móvese. Ergue e marcha. En silencio. En soidade. A melancolía é o pracer de estar triste.

Contenido patrocinado

stats