Ás portas do nadal lembrando a Marcos

Publicado: 17 dic 2025 - 01:10

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Tempo de Nadal frío e saudade, falta alguén na casa pra cear. Malos tempos para a soidade, tristes días para lembrar. Luces de mil cores ornamentan moitas lambetadas pra manxar. Tempo de Nadal frío e saudade falta alguén querido, falta alguén amado, mais hai que seguir a camiñar.

Estamos a piques de rematar o ano 25 do século XXI, e cando se pecha un tempo sempre é momento de balances, de reconto, e sobor de todo, de sopesar o acontecido no período que se pecha. Mais, por moito que outeo, só vexo no ano 25 un aumento da tensión política a todos os niveis. A chegada de Trump ó poder na Casa Branca só fixo aumentar o enfrontamento en toda a orbe incluíndo tamén este noso estado. Polo que, cualificaría o ano que fenece como o tempo do insulto e da polarización. Insultar e non falar, berrar e non escoitar estase impondo nunha sociedade que se vai radicalizando cada día máis. E moita desta polarización débeselle a empregar como recurso unha verborrea agresiva, unha ou varias trolas que, no caso dos conservadores e ultra conservadores, día si e día tamén resulta insultante. Ben sei que na rúa, na vida cotiá, salvando ós grupos que animan ó odio ó diferente e ós que pensan distinto deles, a normalidade é unha realidade, pois non existe conflito social. Con todo, neste tempo de Nadal deberíamos poñerlle o freo a este desatino, e aparcar as diferencias para centrarnos máis nas relación persoais, humanas e familiares. O Nadal é o tempo para a vida familiar, para as xuntanzas cos veciños e coa xente que convives durante o resto do ano. Polo que saber aparcar as diferencias políticas tiña que ser case unha obriga. Ben sei que os tempos son distintos ós de hai moitos anos atrás. Que as sociedades mudan; que pensar que calquera tempo pasado foi mellor e eso é un erro. Polo que coidado pois, a día de hoxe, na política anda algún lobo agochado con pel de cordeiro.

Esta xuntanza serviu pra deixar ben ás claras que, nos tempos que vivimos, recordar a persoas que foron referentes na cidade pode que anime a que nesta Auria, neste Ourense

Lembrando a Marcos

Máis despois de asistir ó acto en lembranza de Marcos Valcárcel no centro que leva o seu nome, non me queda outra que recordar a súa bonhomía, o seu saber, a súa postura conciliadora diante as distintas propostas políticas e a súa paixón pola cultura desta terra e en especial por Ourense. Polo que debo afirmar que, o acto deste venres pasado estivo cheo de saudade, de amizade e de recordo a unha persoa que deixou un arrecendo positivo, un saber estar que xa quixeramos que hoxe existira en moitos persoeiros da vida política e social desta cidade. Marcos foi aquela persoa tranquila e afable que non se alporizaba diante os diversas propostas que se discutían naquel PSG do que formei parte. Este ourensán de pro que foi apartado polos que tiñan a mirada moi curta e estaban obcecados en radicalismos inútiles, hoxe é un referente non so político para esta cidade. O acto sinalado e organizado polos amigos de Marcos, no que a palabra e a música do grupo Brasas tivo un papel salientabel e que foi apadriñado pola Deputación, deixou ás claras que o ente provincial nesta cidade é o único facho cultural institucional aberto a moitas iniciativas que non atopan acollida no Concello da cidade. Esta xuntanza serviu pra deixar ben ás claras que, nos tempos que vivimos, recordar a persoas que foron referentes na cidade pode que anime a que nesta Auria, neste Ourense, volva a rexurdir un tempo que borre a escuridade actual e lle poña punto final ó desleixo cultural que se vive dende o Concello. En fin, estamos ás portas do Nadal, e aínda que estas festas, para os que xa levamos mochila ó lombo, son proclives á saudade, pois sempre falta alguén na mesa pra cear, busquémoslle a parte positiva lembrando ás xentes que foron referentes sociais e sigamos o seu exemplo.

Contenido patrocinado

stats