A banalización do racismo cotián

Publicado: 16 abr 2026 - 01:10
David Alvarado
David Alvarado | La Región

Gramsci describiu como os grupos dirixentes lexitiman a súa ascendente mudando os prexuízos de clase en “sentido común”, en evidencias que non precisan discusión. Para o pensador italiano, a loita política librábase no campo das crenzas e das certezas coas que a xente interpreta a realidade, conseguindo que escollidas convencións aparezan como a única lectura razoable do mundo. Unha columna publicada nestas páxinas recentemente reproduce este exacto esquema aplicado ao racismo. En até catro movementos, o autor normaliza os cánticos islamófobos durante o partido da selección en Cornellá afirmando que “non é novo”, redirixe o foco cara a pretendida hipocrisía de quen o condena, constrúe unha falsa simetría entre odio ás persoas e disidencia política, e apela ao comodín identitario para transformar un debate sobre o odio relixioso nunha guerra cultural sobre España. Un completo exercicio de banalización do racismo.

O amigable España-Exipto do 31 de marzo no RCDE Stadium foi escenario de cánticos islamófobos recollidos polo propio árbitro na acta oficial, que desencadearon un expediente disciplinario da FIFA contra a Real Federación Española de Fútbol. Desa mesma zona do campo partiron berros de “Pedro Sánchez hijo de puta”, proba de que odio relixioso contra o diferente e antisanchismo comparten marcos ideolóxicos na construción do inimigo. Lonxe de ser un feito trivial, trátase dunha conduta tipificada como delito con consecuencias xurídicas, que afectou a Lamine Yamal, de pai marroquí e nai ecuatoguineana, practicante do islam, e que resoou no millón de musulmáns do Estado e alén das nosas fronteiras. Mais a columna non arranca no flagrante agravio, senón no cuestionamento de “tertulianos sobrevenidos” que “ahora sí” se indignan. O delito é a crítica do crime.

O Código Penal, ampliado en 2015 e actualizado en 2022 conforme aos estándares europeos en vigor, tipifica a incitación ao odio por razón de relixión, etnia ou raza, e esixe que o suxeito pasivo sexa un colectivo en situación de vulnerabilidade. Un himno ou unha bandeira non cumpren ese requisito. “Puta España” é, guste máis ou menos, expresión política cara a un Estado. “Musulmán el que no bote” é discriminación contra seres humanos polo que son. Non partillan a mesma categoría xurídica nin ética, e confundilas non é un exercicio de coherencia. Ao contrario, o lingüista Teun van Dijk denominou esta estratexia “racismo das elites”, o discurso aparentemente razoable mediante o cal figuras en principio respectables outorgan cobertura aos excesos que outros din en voz alta. É a anulación deliberada da distinción que fai posible protexer a quen precisa ser protexido.

Invocar as pitadas ao himno como argumento de vitimización equivalente desvía a atención cara a un labirinto de desatinos

Afondando na arroutada, esgrímese que as burlas ao catolicismo quedan sen resposta, o cal ven a implicar que a Igrexa ocupa a posición dun grupo marxinado. Os acordos entre España e a Santa Sé de 1979 garanten exencións fiscais sobre milleiros de inmobles e actividades, financiamento público da ensinanza relixiosa e presenza formal en actos do Estado que ningunha outra confesión posúe. O catolicismo non se agocha. É a relixión que máis espazo público ocupa en España, con procesións que paralizan cidades, escolas concertadas que moldean á mocidade, cun denso aparato de comunicación propio e influencia política real que impregna debates sobre bioética, ensinanza ou familia. Quen si coñecemos outros mundos e nas nosas familias aturamos a discriminación real, o insulto, as descualificacións e os prexuízos cotiáns, sabemos que racismo e islamofobia non son cuestións de simetría retórica de apoltronados fazañeiros.

Invocar as pitadas ao himno como argumento de vitimización equivalente desvía a atención cara a un labirinto de desatinos. O que si está certificado é a práctica política da formación onde milita o sabichón. No Congreso, votou con Vox e Junts contra a regularización de case medio millón de persoas que traballan e conviven connosco. No Parlament Balear, avalou coa formación ultra unha proposición que invocaba o termo “remigración”. Nas Corts Valencianes, pactou a expulsión das cidades dos centros de menores estranxeiros “para evitar problemas de seguridade”. Étienne Balibar definiu o “novo racismo” como substitución da superioridade biolóxica pola incompatibilidade cultural como criterio de exclusión. Unha moción do Grupo Popular na Deputación de Ourense de abril de 2025, formulada “con especial atención á poboación venezolana” por suposta descendencia galega, é a tradución institucional máis próxima desta lóxica discriminatoria.

O sofisma que desencadea esta columna non é análise nin aséptica opinión. É propaganda partidaria travestida de pretendida sabenza e sentido común. É a expresión dunha ideoloxía que, como demostra Francisco Bethencourt en Racisms, reproduce o patrón histórico de construción do outro-inimigo desviando a tensión social cara a grupos vulnerables para que a cidadanía non fixe a mirada en quen realmente concentra a riqueza e perpetúa as desigualdades. Lonxe de condenar o racismo, normalízao e preséntao como postura razoable descualificando a xusta indignación dos que protestan. A islamofobia non estoura nos fondos dos estadios por xeración espontánea. Seméntase e abónase desde plataformas políticas, parlamentos e artigos asinados por velados supremacistas. Xa advertíu Hannah Arendt que a banalización do mal non require monstros, só funcionarios do sistema que converten o indefendíbel en rutina.

Contenido patrocinado

stats