Chito Rivas
RECUNCHO HEBDOMADARIO
Entre a barbarie e a liberdade
RECUNCHO HEBDOMADARIO
Hai datas que o calendario non debería deixar pasar sen deterse un intre. O 9 de novembro é unha delas. Un día que, en anos distintos, quedou gravado na memoria da humanidade por dous acontecementos que, aínda que de signo ben diferente, marcaron profundamente o curso da historia europea. Un deles representa a escuridade máis absoluta do ser humano; o outro, a esperanza de que os muros, mesmo os que parecen eternos, poden acabar derrubándose.
Na noite do 9 de novembro de 1938, a Alemaña nazi desencadeou unha brutal onda de violencia contra a poboación xudía. Pasou á historia co nome de Noite dos Cristais Rotos, pola multitude de escaparates esnaquizados que cubrían as rúas. Sinagogas incendiadas, comercios saqueados, vivendas arrasadas e miles de persoas humilladas e agredidas. Máis de trinta mil xudeus foron detidos e enviados a campos de concentración. Non foi un estalido espontáneo de violencia, senón unha acción organizada polo réxime nazi, que evidenciaba ata onde podía chegar o odio cando se converte en política de Estado.
Aquela devastación non foi un episodio illado, senón un dos pasos decisivos cara ó horror que viría despois: a persecución sistemática e o exterminio de millóns de persoas durante o Holocausto. A Noite dos Cristais Rotos deixou ó descuberto a indiferenza, a complicidade e o silencio dunha sociedade que, en boa medida, asistiu sen reaccionar. Porque a barbarie non sempre comeza nos campos de exterminio; ás veces comeza cando se acepta a discriminación, cando se mira para outro lado ou cando se considera que a dignidade duns seres humanos vale menos ca a doutros.
Cincuenta e un anos despois, en 1989, Europa viviu unha escena radicalmente distinta. En Berlín, tras décadas de división, o Muro que separaba a República Democrática Alemá da República Federal Alemá comezou a abrirse. Aquel símbolo de formigón, arame a vixilancia, que durante moitos anos dividira familias, amizades e vidas, converteuse de súpeto nun lugar de encontro. Miles de persoas cruzaron os pasos fronteirizos, abrazáronse, choraron e empezaron a derrubar, coas súas propias mans, unha barreira que parecía imposible de vencer.
Dous acontecementos e dúas leccións para a humanidade. En 1938, o odio levantaba muros de intolerancia e sementaba a destrución; en 1989, a vontade de liberdade derrubaba os muros que separaban os pobos. A historia pode avanzar cara á barbarie cando esquecemos a dignidade humana, pero tamén pode abrir camiños de esperanza cando os pobos deciden non resignarse.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Chito Rivas
RECUNCHO HEBDOMADARIO
Entre a barbarie e a liberdade
Jaime Noguerol
EL ÁNGULO INVERSO
Esperando a los coches de la policía
Antonio Nespereira
PERDÓN POR LA MOLESTIA
No todos se remangan igual
Carlos Risco
LOS ASUNTOS IMPORTANTES
Sobre la amanecencia
Lo último
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este lunes, 9 de noviembre
TERCERA FEDERACIÓN
El Arenteiro no fue capaz de plantar cara al líder, el Boiro (3-0)
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: lunes, 9 de noviembre