La Región
JARDÍN ABIERTO
Simbología de la flor de amarilis en Navidad
O día non podía estar máis fermoso para visitar Santa Mariña de Augas Santas con motivo do bautizo da miña afillada Sira, que tampouco podía estar máis linda, simpática e colaboradora. Todo se conxuntou para que fose un día perfecto, tanto para a nena como para os seus pais Xaime e Inés, e por suposto para os que exercemos de padriños e o resto da familia.
A elección de Santa Mariña foi un acerto, por todo o que representa ese precioso e mimado Conxunto Histórico Artístico, pola beleza da súa igrexa, declarada Monumento Nacional, e por toda a maxia e a lenda que se respira en toda a parroquia. Santa Mariña é un deses lugares que todo viaxeiro que percorra as terras de Allariz ten que coñecer, pola súa fermosa arquitectura e por toda a arte e a natureza que complementan á historia do martirio da moza Mariña, con fornos crematorios e con fontes de augas cristalinas e milagreiras.
Recibíunos o cura párroco Eduardo Fernández, quen á súa vez exerce de capelán no Complexo Hospitalario de Ourense, de onde levou por certo ao pediatra e amigo doutor Arturo Fuentes, que lle axuda en todo o relativo á parroquia e sobre todo no tocante ás visitas turísticas, sendo como é unha fonte de sabedoría. Eu coñecín ao cura Eduardo aos poucos días do seu desembarco en Santa Mariña, acompañado dunha lexión de fieis que lle axudaban na limpeza e amaño do templo, unha fermosa igrexa que el mima como mima a todos os bautizados, dos que atesoura fotografías enmarcadas que preceden o coqueto museo que con moito traballo e dedicación vai ampliando pouco a pouco, con pezas realmente interesantes e cos pendóns tan característicos do lugar que saen en procesión o día da Ascensión percorrendo estes máxicos lugares.
Eduardo, coa súa enorme simpatía conseguíu que a reunión en torno a histórica pía bautismal, onde por certo xa se bautizara a miña bisavoa, e polo tanto tataravoa da nena Sira, fose un acto realmente fermoso e inesquecible; non cabe dúbida que este cura é dos que realmente fan "parroquia", e desde aquí quero mandarlle a nosa felicitación e agradecemento.
E de Santa Mariña cara Vilaboa, lugar de nacemento do meu pai Manolo, e polo tanto do avó de Sira, que aínda que non chegase a coñecelo en persoa terao sempre presente poque son como dúas gotiñas de auga. E en Vilaboa continuou a festa na fermosa Casa Rural situada no corazón desta Reserva da Biosfera, unha antiga fábrica de coiro na que eu recordei algúns xogos da miña nenez entre as súas ruínas. O trato, o xantar e a contorna foron inmellorables, o que fixo que gozásemos do día ata última hora cando xa comezaba a anoitecer e cada quen foi collendo carreiriña cara os seus lugares de residencia.
Realmente foi un deses domingos especiais, cheo de emocións, beleza, sentimentos, arte e gastronomía. A nena Sira, miña afillada, pode estar contenta de facernos gozar nun día tan máxico, como máxicos foron os lugares elexidos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
La Región
JARDÍN ABIERTO
Simbología de la flor de amarilis en Navidad
Jaime Noguerol
EL ÁNGULO INVERSO
La mirada sabia del barman
Miguel Anxo Bastos
Extremadura: la clave está a la izquierda
Sergio Otamendi
CRÓNICA INTERNACIONAL
Dos éxitos o dos fracasos
Lo último