Xoán Antón Pérez-Lema
Begoña Caamaño: sororidade dende a soberanía cultural de Galicia
Virea A dedicatoria do Día das Letras Galegas a Begoña Caamaño non constitúe un simple exercicio de xustiza póstuma ou un protocolo de gratitude institucional. Estamos diante da consagración dunha das operacións literarias máis densas, audaces e politicamente transformadoras da nosa narrativa contemporánea. Interrompido o seu legado por un pasamento prematuro, Caamaño, porén, realizou un exercicio de alta cirurxía textual sobre os alicerces míticos da cultura occidental, demostrando que a lingua galega posúe a maioría de idade e a plasticidade conceptual necesarias para reescribir a Homero e á materia de Bretaña dende unha matriz de noso, atlántica e radicalmente liberadora.
As súas dúas únicas novelas, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), configuran un díptico onde o mito deixa de ser un fado inmutábel ou un instrumento de opresión patriarcal para se converter nun parlamento ético. Caamaño non opera na fantasía a xeito de fuxida evasiva, senón de laboratorio político. En Morgana en Esmelle, a conexión co universo de Álvaro Cunqueiro revélase tan sutil como subversiva. Cunqueiro, que en Merlín e familia (1955) deitou a mitoloxía artúrica sobre a xeografía lírica e melancólica das terras de Miranda, construíu un mundo de prodixios onde as mulleres -como Xenebra- ocupaban un papel secundario, case doméstico, supeditado á sabedoría omnisciente e parsimoniosa do mago. Caamaño asalta ese pazo de Esmelle, pero despraza o eixo do poder: Merlín xa non dita o destino do relato dende a súa cociña de herbas; a novela convértese nun diálogo nocturno e denso entre Morgana e Xenebra, onde a palabra habitada e o debate sobre a culpa substitúen á estabilidade case estática cunqueiriana.
Esta subversión atópase indisolubelmente vencellada á deconstrución dos heroes clásicos. Comparemos o rol de Ulises na Odisea homérica e de Merlín na obra de Cunqueiro coas figuras que se albiscan a través do prisma de Caamaño. Na tradición clásica, Ulises é o heroe da metis, da intelixencia prudente e o movemento rectilíneo cara ao trunfo, Circe, pola contra, é a meiga que devala na perfidia, a sedutora perigosa que animaliza aos homes. Na obra de Caamaño, o heroe homérico é despoxado da súa épica belicista para ser visto a través da ollada de Circe e Penélope. O Ulises de Caamaño é unha sombra ausente pero opresiva. Un heroe que, porén, xera dor para as mulleres que deixa atrás. Circe e Penélope xa non rivalizan, senón que pactan e falan dende a sororidade política, un concepto que racha coa narrativa oficial do patriarcado. Do mesmo xeito, o Merlín que se albisca en Morgana en Esmelle perde o seu carácter de sabio protector para amosar a súa complicidade coa estrutura de poder que condenou Morgana ao estigma da traizón. O Merlín de Caamaño é o vello gardián do statu quo artúrico, un home que lexitimou a violencia dos cabaleiros fronte á autonomía das fadas que habitaban Avalon. Novamente a comunidade de mulleres libres que habitan illas rexidas por elas propias, quer Avalon, quer a Ea rexida por Circe.
Caamaño non busca que as súas personaxes masculinizen o seu comportamento para acadar a liberdade. Circe e Morgana son poderosas dende unha xenealoxía propia, vinculada ao pracer do propio corpo, ao coñecemento dos afectos e á xestión dun tempo, circular e non lineal, que rexeita ser o botín de guerra dos heroes. Ao darlles voz en galego a estas figuras Begoña Caamaño non só fixo un acto de xustiza poética coas mulleres do mito, senón que, como nacionalista comprometida que era -cómpre non esquecelo-, afirmou a soberanía cultural de Galicia, demostrando que a nosa lingua é quen de sandar as feridas da memoria de Occidente e que, dende a Fisterra, podémonos erguer para reescribir as historias que outros nos contaron ao seu xeito.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
La Región
CARTAS AL DIRECTOR
Unha ducia enteira de churros, esa si que é “churrada”
MERCADO DE EXCELENCIA
Carballiño y Xinzo de Limia, al frente de la renovación de las Plazas de Abastos
DOS DÍAS DE ACTIVIDADES
La aldea de Toro, en Laza, volverá a llenarse con 250 moteros