Juan José Feijóo
Las encuestas más fiables, menos la del CIS
CASTELLUM HONESTI
Hai uns días tiven a oportunidade de intervir, en nome do grupo popular, na Comisión 3ª do Parlamento de Galicia -economía, facenda e orzamentos-, co gallo de dárlle-la réplica á directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal da Xunta de Galicia, quen comparecía para dar conta dos logros do seu departamento. No decurso da sesión, despois de escoita-las intervencións da oposición, decidín expoñer un texto -madurado por anos de observación, lectura e reflexión- sobre a miña concepción do que é e mais do que non é un bo goberno. Tal concepto resúmese nunha idea moi sinxela: gobernar non é o mesmo que exerce-lo poder, nomeadamente cando ese exercicio se confunde coa ocupación das institucións, coa vontade de controlalas ou coa obsesión por perdurar nelas. Porque, cando isto acontece -téñoo dito en varias ocasións-, o poder deixa de ser un instrumento ó servizo da sociedade e se converte nun fin en si mesmo. E, daquela, todo, absolutamente todo, acaba por se transformar nunha moeda de troco: as propias institucións, os compromisos adquiridos, os recursos públicos e, coma corolario, as expectativas de vida de millóns de persoas. Nese caldo de cultivo, insisto, é onde medran máis facilmente os virus da arbitrariedade, o clientelismo e a corrupción, ó tempo que as institucións deixan de servir ó interese xeral, -a procura do ben común-, en favor dun poder que se alimenta a si mesmo. Velaquí, a realidade actual de España.
Para min, gobernar é outra cousa. En termos xerais, consiste en asumi-la responsabilidade de conducir unha sociedade cara uns obxectivos comúns, ó tempo que se crean as condicións imprescindíbeis para que cada persoa poida desenvolverse libremente, aproveitando as súas oportunidades, en competencia leal e baixo unhas regras normativas e morais claras, xustas e iguais para todos. Consonte a isto, un bo goberno debe reunir, cando menos, catro características: estabilidade, representatividade, eficiencia e realismo. Son condicións sine qua non para gobernar; os ingredientes dunha receita política que se necesitan mutuamente porque se complementan para elabora-lo prato desexado. E se ben poden, nun intre concreto, entrar en conflito, é labor do goberno asegura-lo equilibrio harmónico entre elas. Velaí, a realidade de Galicia.
Por unha banda, unha estabilidade que xera previsibilidade, certeza e confianza, porque unha sociedade non pode progresar cando vive sometida á incerteza, á ocorrencia ou á improvisación, como acontece hoxe en día na Praza Maior de Ourense. En segundo lugar, está a representatividade que proporciona lexitimidade e equilibrio social, e que non significa só obte-la maioría nas urnas; refírese a unha presencia no territorio, en relación permanente coa sociedade, por mor de escoitar ós seus sectores senlleiros e coñece-las súas preocupacións e necesidades.
Por outro lado, falo de eficiencia, que é a tradución práctica da responsabilidade posto que as institucións están para resolver problemas, prestar servizos, aproveita-los recursos dispoñíbeis e conseguir resultados para o conxunto; o chamado interese xeral ou ben común. E, para rematar, saliento o realismo; unha praxe política que esixe coñece-lo territorio, comprende-las súas limitacións e posibilidades, distingui-lo posíbel do desexábel e decidir segundo as circunstancias concretas nas que vive a sociedade. Polo tanto, gobernar significa traballar coa realidade das cousas; isto é, con aquilo que a sociedade é per se; non consiste en aplicar unha fórmula abstracta, concibida na escuridade dun despacho transformado, para a ocasión, na versión moderna da caverna platónica. Unha caverna que, baixo o engado das sombras chinesas que se proxectan na parede do noso vivir cotián, nos presenta como Bálsamo de Fierabrás a un elaborado con base en propostas utópicas, mercadeo cos problemas da xente, tactismos electorais e demasiadas mentiras.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
CONVENTO DE SANTA CLARA
Localizan el segundo cerebro saponificado en Pontevedra
La Región
CARTAS AL DIRECTOR
No contaminemos nuestra tierra
AMENAZAS DE LA IA
Anthropic propone medir el ritmo de desarrollo de la IA
La Región
CARTAS AL DIRECTOR
Aprendiendo