Os Boán, unha liñaxe ficticia

Publicado: 26 jul 2025 - 10:00

Pazo dos Boán na Praza do Ferro.
Pazo dos Boán na Praza do Ferro.

Na Praza do Ferro loce orgulloso o pazo dos Boán, do s. XVII. É fácil de recoñecer porque nos baixos radica a farmacia de Brais Rodríguez Fidalgo -antano a célebre “Botica de Temes”- e un estanco. Incluso acolleu o colexio Franco Español. O inmoble, reformado en varias ocasións, a mediados do s. XVIII só tiña dúas plantas. Segundo a ficha do plan especial do núcleo histórico consta de catro plantas, incluída a baixa, e un ático. A terceira máis a galería engadíronse no s.XIX e parece que, no mesmo momento, recolocáronse as artísticas ameas. O promotor deste pazo tan brasonado e urbanisticamente significativo foi Pedro Fernández de Boán, casado en 1616 coa súa curmá Josefa de Boán y Landecho, ano no que se instala en Ourense. Foi, ademais, propietario do coñecido pazo de San Damián de Amoeiro, construído polo seu tío Juan Fernández de Boán, entón párroco de Abruciños. Mais, quen eran os Boán, propietarios do sinalado edificio da Praza do Ferro?

Pedro Fernández de Boán, xa radicado en Ourense, solicita ingresar na aristócrata e exclusiva Orde Militar de Santiago, acceso denegado por ser considerados os Boán xentes humildes e plebeas

Respondendo á pregunta non podo evitar recordar a primeira vez que tiven referencias deles, sendo estudante, cando coñecín o artigo de X. Ferro Couselo “Gente llana con ventura. Los Boanes”, de 1972. Tamén outros escribiron sobre o sorpresivo ascenso social da liñaxe, entre eles J. Hervella Vázquez ou J. A. Souto Cabo, a través da “Historia Gótica” ou “Historia de don Servando”. Este falso cronicón ou historia inventada fora ideada por el e os seus irmáns con fin de xustificar unhas pretendidas orixes nobiliarias da familia, oriunda do lugar de Sitiós, en Santa Uxía de Asma, Chantada. Aínda que un familiar deles, o comerciante de panos Fernando Boán, era acaudalado nos inicios do s. XVI, non tiñan orixe nobiliaria. Pedro Fernández de Boán, xa radicado en Ourense, solicita ingresar na aristócrata e exclusiva Orde Militar de Santiago, acceso denegado por ser considerados os Boán xentes humildes e plebeas. Por iso comezaron a falsificar documentos para demostrar as súas orixes nobiliarias, dando lugar ao dito falso cronicón, documento que se conserva na Fundación Penzol en Vigo. Atribúese a un falso bispo Servando, do s. VIII, texto despois -tamén supostamente- ampliado en idioma galego polo bispo Pedro Seguín de Ourense. O peculiar escrito remóntase á Xénese bíblica, a dispersión dos fillos de Jafet ata Esperia -España-, as historias nesta Esperia de Hércules, de fenicios, cartaxineses e romanos, incluso a chegada de Xulio César, os árabes, a batalla de Guadalete, e un longo etcétera. A familia remontaríanse a un príncipe prerromano convertido ao cristianismo polo propio Apóstolo Santiago. A súa estirpe continuaría nos reis suevos, visigodos, don Pelayo e ata o mesmo San Rosendo. Cando cita a vida dos santos Facundo e Primitivo, os vincula directamente coa familia dos Boán. José Hervella escribía en 1992-3: “Cuando en el siglo XVII se construye el deambulatorio de la Catedral orensana, la familia Boán solicita al Cabildo de la catedral le venda un solar propio de la girola para edificar una capilla (…) Y este lugar es contiguo y enfrente respectivamente de los sepulcros pétreos de los Santos Facundo y Primitivo, publicitando así su descendencia de los mártires”.

Os Boán foron unha familia radicada en Ourense que conseguiu acceder á escala nobiliaria a través dunha fábula, aínda que o edificio da Praza do Ferro, construído por eles, sexa un dos referentes do urbanismo histórico dese entorno.

Contenido patrocinado

stats