O Borbón non terá quen lle escriba

PENSAR POR PENSAR

Publicado: 12 dic 2025 - 02:40

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Non lin, nin teño intención de facelo, o presunto libro biográfico de Juan Carlos I, ex monarca de España. Detívenme a ver como na librería duns grandes almacéns había señoras e señores que o compraban ás agochadas, uns coa escusa de regalalo por Reis, outras coa sa intención de usalo para rexoubar pero todos baixo a sombra do pudor ou a vergoña de facerse con semellante chea de papel impreso a case vinte e catro euros por cabeza cada exemplar. Certo que todos temos dereito a publicar canto nos apeteza, a falar da nosa vida e a reflexionar sobre os nosos soños e está claro que, nos tempos de vaidades que corren, non existe político de medio pelo para arriba que se libre da tentación de engrosar os andeis da Biblioteca Nacional de España pretendendo alcanzar a inmortalidade. Pero o que resulta insólito de todo punto é o xiro de guión que Juan Carlos I acaba de imprimir á tradición borbónica coa publicación das súas inexactas memorias. Ademais de engolfarse na promoción do libro co mesmo ímpeto dun autor novel ávido de fama e de dereitos de autor.

Pois ben, ata esa boa vontade de perdón acaba de ser traizoada por Juan Carlos coa publicación das memorias, primeiro no francés da súa orixe Borbón Anjou e nestes días coa chegadas aos escaparates das librerías españolas en perfecto castelán.

Se nos atemos á tradición e aos anais da Historia, desde Felipe V aos nosos días non existiu un Borbón merecedor da gloria ao finalizar o seu reinado. A casa de Borbón española tivo máis tropezos que méritos para ser amados polo pobo e os seus finais están infestados de intrigas, traizóns, prevaricacións, roubos ao tesouro nacional, negocios sucios e mortes no exilio. Reis e reinas consortes pasaron pola casa real acumulando trapos sucios para levantar un rañaceos. Nesa longa serie, durante a transición, pareceunos que a Juan Carlos ía corresponder a misión do gran cambio familiar. Tanto que ata os republicanos confiamos nel polo ben da convivencia en paz despois das ignominias dunha guerra fratricida e unha ditadura cruenta. Con todo, como un tradicional Borbón de pura raza, amparado pola anacrónica protección da Constitución do 78, caeu nas canfurnas xenéticas da súa caste. Viuse obrigado a abdicar grazas ás intrigas palatinas da raíña Sofía e a poñer terra polo medio como un vulgar prófugo. Aínda así, o país estaba disposto a considerar os méritos da Transición como actos de bo reinar e a esquecer os desatinos sexuais e sentimentais como males menores do machismo hispano. Incluso a rapina monetaria era vista como un mal consubstancial dos vellos usos da política do réxime monárquico, á que o rei pertence por pura educación tradicional.

Pois ben, ata esa boa vontade de perdón acaba de ser traizoada por Juan Carlos coa publicación das memorias, primeiro no francés da súa orixe Borbón Anjou e nestes días coa chegadas aos escaparates das librerías españolas en perfecto castelán. Segundo despréndemos do difundido, dun rápido visual ao índice de libro e do manifestado tanto no vídeo promocional como nas entrevistas publicadas, o Juan Carlos rei da Transición foi un miserable mentireiro e oportunista debedor do ditador sen a máis mínima crítica e incapaz de realizar unha análise verídico da circunstancias históricas que lle corresponderon protagonizar. Coas súas confesións destruíu o teatro de cartón pedra co que se gañou a confianza e o afecto dunha gran maioría cidadá. El mesmo, sen ninguén que lle escriba, destruíu o mito fabricado dunha monarquía parlamentaria moderna e demócrata. A infinidade de pingueiras abertas co libro nos tellados da casa Borbón xa non as taparán nin os historiadores monárquicos máis benévolos do futuro.

Contenido patrocinado

stats