David Alvarado
Ourense como laboratorio de extrema dereita populista
Aos nove anos de idade, unha estraña doenza comeulle ao Camilo case toda a mobilidade corporal, intacta toda a súa capacidade intelectiva, ficando ríxido como unha táboa, condenado a ver o mundo e a vida desde a horizontalidade. Quizais por iso, desde esa posición algo máis baixa, desde a súa quietude paciente, soubo interpretalos tan ben.
O futuro viña negro para aquel rapaz da aldea de Vilar de Flores (Allariz), no seo dunha familia campesiña e na máis mísera posguerra. Mais o Camilo, coa atención solícita dos país, aceptou o desafío e dispúxose a romper a adversidade. Con determinación e dedicación heroicas, enfrontou a súa nova condición existencial. A educación a distancia, por correspondencia e radiofónica, e o autodidactismo presentáronselle como os mellores instrumentos para adquirir unha formación sólida e completa, garantía para vivir unha vida satisfactoria. Unha aprendizaxe de proveito, que o Camilo, mente prodixiosa, non abandonou ao longo da súa fecunda existencia e da que tiramos beneficio cantos tivemos a fortuna de contar coa súa amizade.
Foi modelo de conduta, espírito de superación permanente, persoa tolerante e xenerosa, cos da casa e cos de fóra
Encontrámonos na asociación Auxilia (hoxe Aixiña), que naceu nos primeiros setenta do século XX, impulsada polo sacerdote humanista e valente Domingo Gómez Freire, co obxectivo de normalizar a vida dos “minusválidos” (así lles diciamos daquela) e de libralos do ocultamento e do silencio da vergoña. Era un tempo de moitos prexuízos, familiares e sociais, que se foi superarando co esforzo e o entusiasmo das persoas con diversidade e do grande colectivo de voluntarias e voluntarios. O Camilo foi un dos pioneiros e dos máis comprometidos coa causa, entusiasta animador na dura empresa de vencer resistencias e tabús, honesto e reivindicativo, sempre disposto a participar en cantas iniciativas se acometían, apesar das dificultades do desprazamento. Así acontecía nas colonias de verán en diferentes localidades costeiras (Cambados, Bueu, A Guarda, etc.). Tamén se implicou nas diversas campañas de mentalización e de sensibilización, así como na adquisición da casa de vacacións de Sanxenxo, sendo un dos participantes fixos durante moitos anos. Moi relevante fora o “asalto” ao cine Xesteira, unha tarde de sábado, ao se presentaren na sala varias cadeiras de rodas para asistir a unha sesión. Amigo da conversa, animoso e optimista, a súa opinión sempre levaba palabras sabias cargadas de fundamento. Sorpredente era contemplar a súa habelencia para escribir, cunha caligrafía maxistral, ou para comer e beber, con movemento milimétirico dos seus pequenos dedos.
O traslado a Allariz para se pór ao coidado garimoso da súa irmá Rosa, personificación da bondade, que se ocupou del con delicada atención durante case corenta anos, supuxo unha mudanza significativa na vida do Camilo. Os tempos eran outros. A chegada da Informática, que dominou deseguida, permitiulle establecer contacto coa realidade global, planetaria. A automatización da cadeira de rodas e a eliminación de barreiras, materiais e mentais, propiciaron unha maior autonomía, facilitando os paseos polas rúas da vila e por outros espazos. Houbo un incidente que el relataba como anécdota ben simpática: nunha ocasión, deulle a volta a cadeira e partira as dúas pernas, tendo que levalas escaioladas varios meses.
Foi modelo de conduta, espírito de superación permanente, persoa tolerante e xenerosa, cos da casa e cos de fóra, na procura de facer un mundo mellor. Sempre tiña unha resposta ou un consello para quen se achegaba a demandarlle axuda nos máis diversos asuntos. A lección da súa vida é valioso legado que nos deixa a cantos o estimamos. O orgullo de o ter coñecido habita na mesma casa que a admiración e a gratitude. O seu pasamento fainos máis conscientes da súa grandeza, da auténtica dimensión da súa presenza. O seu ollar limpo, lúcido e luminoso, acompañará sempre os nosos días.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
UN PREMIO ESPECIAL
1.300 euros a la mejor comparsa en Carballiño
La Región
CARTAS AL DIRECTOR
La creatividad y la política
PRIMERA FEB
El COB se ahoga en Fuenlabrada (78-71)