Cando un monumento público para Antón Tovar?

DIARIOS DO PASADO

Publicado: 06 dic 2025 - 09:28

Homenaxe do Grupo Antón Tovar ao poeta.
Homenaxe do Grupo Antón Tovar ao poeta.

Non sei se nalgunha ocasión lles confesei que leo pouca poesía, carencia que vou corrixindo aos poucos, porque corro o risco de perder iniciativas moi interesantes, moito máis, indispensables. Sei que é un xénero con estilo literario moi elevado e complexo, capaz de narrar as realidades máis crúas cos vocábulos máis fermosos. Ocórreme tamén con algunhas cancións, nas que admirando as letras, os seus ritmos e formas de expresión non me atraen nin me producen a satisfacción que outras me regalan. Por iso creo que sempre debemos de recoñecer a calidade onde existe.

Un dos poetas, grandes poetas da cidade, foi Antón Tovar, limiao de nacemento e ourensán de acción. Escolleu a poesía como medio de comunicación, intimista, existencialista e con fonda carga social. Os estudosos da súa obra, entre os que destacamos a González Blasco, Alonso Montero, Delfín Caseiro ou Patricia Chachero, sitúano na denominada Promoción de Enlace coa lírica da posguerra, tanto en lingua galega como castelá. Foi fundamentalmente en Ourense onde desenvolveu a súa obra poética, cidade na que compaxina a creación literaria co máis prosaico traballo no Ministerio de Facenda. Na cidade das Burgas, foi alumno de Otero Pedrayo e amigo de Vicente Risco, Florentino Cuevillas, Xaquín Lorenzo ou Ferro Couselo. Non é casualidade que no seu retiro terapéutico da Lanzada, lugar onde escribiu o poemario “La Lanzada. Versos hacia el mar”, publicado en 1964, incluíse unha sentida lembranza ao seu amigo Cuevillas, que falecera no verán de 1958. Reproduzo os seis primeiros versos desta poesía de dezaoito liñas, escritas en momentos inmediatos do pasamento do arqueólogo: “Don Florentino, buen amigo / desde el mar te recuerdo / con tu bastón, tu reuma / tus oraciones / tu ardiente galleguismo / y tu Prehistoria”. Vemos a relación extraordinaria entre os literatos, arqueólogos, etnógrafos etc. daquel Ourense, grupos ao é obrigado sumar aos artistas plásticos que formaban parte deste universo -Acisclo, Quessada, De Dios, Buciños, etc.- un magma capaz de xerar elementos culturais de enorme calibre. A valía e méritos de Antón Tovar na creación literaria lle valeron o nomeamento, primeiro de académico correspondente e, logo, académico de honra da Real Academia Galega en 1984 e 1997, respectivamente.

Hai pouco tempo, lendo o recente e excelente traballo “La escultura pública en Ourense (1887-2022)”, da profesora Mercedes Gallego, botaba en falta a existencia de monumentos dedicados a persoeiros consolidados na cultura ourensá. Entre eles, Antón Tovar. Na provincia existe unha escultura de Antonio Monteiro en Vilar de Santos, que acolle o Museo da Limia dende o ano 2021, ou as referencias na Insua dos Poetas por iniciativa de Luis Tosar. Hai tempo un amigo falábame da existencia dunha pequena placa nun banco do parque de San Lázaro, onde o poeta adoitaba sentarse. En efecto, buscando información, descubro que en outubro de 2006 o Grupo Antón Tovar colocouna co seguinte texto gravado: “Neste banco a cavilar sentábase ó serán o poeta Antón Tovar”. Foi sen dúbida unha iniciativa loable, pero institucionalmente Antón Tovar merece moito máis.

Só el soubo conxugar dúas chairas inmensas: a Limia que contemplaba dende a atalaia do Rairiz de Veiga natal e o océano, que admiraba dende o observatorio privilexiado da Lanzada. Para cando un monumento público en Ourense digno da súa obra e memoria?

Contenido patrocinado

stats