O canto do galo ou que quere Quin?

Publicado: 07 mar 2015 - 10:29

Pois creo que algo moi fácil: servir ao país. Devolverlle algo do moito que lle deu. Anxo Quintana saíu do seu posto de enfermeiro do Sergas grazas a unha a actividade de compromiso político que o catapultou primeiro á alcaldía de Allariz, logo ao Senado –polos pactos de reparto do Parlamento galego- e despois á política autonómica, onde chegou máis alto que ningún outro político nacionalista na historia, a vicepresidente do país. Despois, cando esa fase acabou, aproveitou as oportunidades que lle ofrecía o novo mundo de relacións tecido e non volveu á bata branca sanitaria, senón que coa experiencia acumulada, dedícase, leo na rede, ao mundo dos negocios internacionais a través dun par de empresas: Internacionalización de Galicia, SL, unha consultoría fiscal, laboral e financieira con actuación de representación e intermediación de empresas polas zonas xeográficas onde traballa (Cono sur, África, etc.) e con outra empresa, Integral Comer, dedicada á importación e exportación de materiais de construción, produtos sanitarios, farmacéuticos, químicos, etc., ambas con sede na Coruña. Sen dúbida, estes novos contactos, actividades e viaxes lle outorgan unha visión do país anovada, máis aberta, externa e plural.

E o que non ten dúbida é que despois daquel momento doce do nacionalismo, coa súa cara amable e o seu discurso moderado e integrador, veu a implosión e o esfarelamento daquela opción política. A Anxo Quintana laminouno a facción máis inmobilista do BNG, que vendeu como estrepitosa derrota a baixa dun só deputado entre as eleccións de 2005 e 2009. A UPG recuperou o control directo do BNG, e así acabaron esgazándose a Anova de Beiras, Compromiso por Galicia, etc., e baixou, nas de 2012, cinco deputados. De doce a sete. E da garavata á camiseta.

O panorama do nacionalismo político tradicional parécelle a este observador, esgotado e volatil. Compromiso, amable pero non dá arrancado. Anova, corre perigo de converterse nun flash na historia, e vese ameazada polo xurdimento doutras alternativas de esquerda nada nacionalistas, sen complexos, como Podemos, e arrastrada pola descomposición de IU. E o vello BNG, cunha nova cara doce menos sedutora que a de Quin, a de Xavier Vence, bátese en retirada, suspirando por un batacazo pequeno. A contracción do número de candidaturas a presentar nas eleccións para concentrar esforzos, e a baixa que terán do número de concelleiros, atoldará de novo esas augas. Por outra banda, as idades dos dirixentes (79 anos Beiras, 70 Paco Rodríguez) tampouco favorecen proxeccións máis alá.

Así, creo que con razón, pode pensar Quin que nos escenarios de futuros postbatacazos, pode arrecadar apoios variados no seo das familias nacionalistas e incluso de máis alá, nun tempo no que o PSOE tampouco dá retellado a casa. Trátase, parece, de formular un progresismo galeguista, integrador, etc. ao redor dun líder novo -56 anos- moderno, triunfador, vivido e con moita experiencia política e persoal. Unha parte –Compromiso- está rendida aos seus pés. Moitos "fíos soltos" veno ben. Sospeito que a parte máis sensata (sic.) do BNG, tamén. Dará para falar a cousa.

Contenido patrocinado

stats