Catro redondas datas oterianas
TRIBUNA
Ante todo, agradecer a La Región, Casa Grande da obra xornalística de Otero Pedrayo, o convite para participar neste número homenaxe a don Ramón. E para iso, voulles falar de cousas de catro datas oterianas redondas neste ano.
1926, hai un século.
Hai un século, entre o 8 e 11 de xullo do ano santo de 1926, foi a peregrinación a pé de Ourense a Santiago dos galeguistas ourensáns da que o óptico e escritor Xavier Pardo Bedía deixou unha serie de artigos en ‘A Nosa Terra’ valéndose, segundo di, de notas “sacadas do minucioso ‘Diario de Viaxe’, que coa sua sutileza e maestría fixo o Risco, que si como escritor é formidabel, non o é menos como psicólogo”. Temos a sospeita de que non lle debeu entender ben a letra ou o significado dalgunhas frases, pois aparecen topónimos inexistentes.
Non dei topado ese “minucioso diario de viaxe” nin na Fundación Vicente Risco nin nos fondos da familia de Xavier Pardo Bedía, quen, por certo, desenvolveu unha activa carreira política como concelleiro, deputado provincial e mesmo vicepresidente da Deputación de Coruña nos anos cincuenta e sesenta do século XX.
O tema desta peregrinación foi tratado varias veces, mesmo na páxina do Consello da Cultura hai un percorrido audiovisual das catro etapas feito por Manolo Gago, co texto íntegro das colaboracións, cunha introdución miña, e ao que poden acceder buscando “No camiño de Santiago: vieiros de fe, vieiros de ideal”. En papel, hai o fermoso libro -con ilustración de Isabel Seidel, fotos de Xulio Xil, introducida por Luís González Tosar- que foi base no impulso ao Camiño de Nós a Santiago.
Outro centenario é o da primeira “Guía de Galicia” que publica Otero Pedrayo en Espasa Calpe. E digo primeira porque as sucesivas reelaboracións baixo o seu coidado configuran guías tan distintas como o país. A Galicia de 1926, sen sequera un quilómetro de estradas asfaltadas nin luz eléctrica fóra das cidades, pouco se parece á Galicia de 1945 en que publica outra versión en Santiago, en Sucesores de Gali, e menos á de 1964, en que se achegan por primeira vez tamén as fotografías do fotógrafo allaricense José Suárez, festexado tamén este ano. A forma física de Galicia é a mesma, pero a humanización é moi diversa. Manuel Gago vai da á luz un destes días un estudo comparativo das distintas reelaboracións da obra. Esta evolución da obra cómpre tela sempre presente cando se fale da “guía”.
Otero fora nomeado presidente do Seminario poucas semanas antes do comezo dunha Guerra civil que paralizou a institución. Naqueles tempos avoltos algúns reivindicaron a súa disolución, para que os fondos, como dicían os estatutos, pasasen á Universidade.
Centenario tamén da publicación -na imprenta de La Región- da colección “Galaxia”, a primeira vez que se usa o nome no nos mundo editorial, da que só sairán dous números; o primeiro, o relato “O purgatorio” de D. Ramiro, de Otero Pedrayo. Era unha iniciativa editorial de Augusto María Casas, Cándido Fernández Mazas e na que o meu avó Afonso facía de administrador.
Centenario de importantes artigos de Otero en Nós: de morfoloxía urbana, creación literaria, reflexión xacobea, celtismo e sobre todo, a mítica tradución galega dun fragmento do Ulyses de Joyce, no mes de agosto. Se ben non é a primeira a linguas da península si ten o mérito de ser das primeiras. Sospeito que foi inducida por Risco. Curioso é que o exemplar do Ulyses da biblioteca de Otero esta intonso na súa maior parte.
1946, hai 80 anos.
En 1946 publícase o anexo número I da revista Cuadernos de Estudios Gallegos editada polo nacente Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, o máis parecido a un herdeiro pexado que tivo o Seminario de Estudos Galegos. Este é un volume monográfico dedicado a Domingo Fontán, o autor do primeiro mapa de Galicia, medida sobre o terreo, e moi gabado por Otero, e tamén por Castelao, Cunqueiro e outros escritores. O volume publícase para celebrar o centenario da impresión en París do famoso mapa, en 1845, e participan varios antigos socios do SEG (Filgueira, Fraguas, Paulino Pedret...) e creo que foi unha fórmula eficaz que usou Filgueira Valverde para atraer a colaboración dun reticente Otero Pedrayo.
Otero fora nomeado presidente do Seminario poucas semanas antes do comezo dunha Guerra civil que paralizou a institución. Naqueles tempos avoltos algúns reivindicaron a súa disolución, para que os fondos, como dicían os estatutos, pasasen á Universidade. Filgueira Valverde e Sánchez Cantón manobraron para constituír unha nova entidade vinculada do CSIC para “salvar o posible” do vello Seminario. Así atráeno coa revista Cuadernos de Estudios Gallegos -dalgún xeito herdeira dos vellos Arquivos do Seminario- e con este extra sobre Fontán, no que Otero ten dous artigos: un que abre o libro cunha marabillosa introdución lírica sobre Fontán e outro que pecha, unha extensa e extraordinaria lectura e interpretación das paisaxes, feita na mañá do 25 de agosto de 1945 desde o alto do monte de Rodeiro, por tras de Albeiros, en Trasalba. Desde este volume, Otero normalizou a súa presenza con artigos nos Cadernos, sabendo sempre que o Sarmiento non era o Seminario, pero que era o que tocaba, o posible; pois o bo é inimigo do óptimo.
1956 hai 70 anos.
Entre o 4 de marzo e o día 18 viaxan Fita e don Ramón a Caracas. Sempre que se fala das viaxes de Otero a América cítase Buenos Aires, esquécese Caracas. Dona Eladia, a nai de Otero, con 97 anos, pensaba que ían a Madrid e Portugal. Primeira vez que Otero monta en avión. Primeiras impresións sobre a paisaxe desde arriba recollidas nas xoias que son as súas pequenas axendas-diarios. (“Por riba da España seca. Gredos angulosamente esculturada en neve riba do barro seco e dos plegues de capa burda da Extremadura. Baril asucamento do Taxo... Portugal vai nacendo chamado por o mar”).
Viaxa no medio dos conflitos entre sectores da colectividade. Preludio dunha longa amizade con Silvio Santiago, mecenas pouco recoñecido pola Galaxia de hoxe. Orixe do libro “Homenaxe da Galicia universal a Otero Pedrayo. Caracas 1958”. Libro que se intentou facer para entregarllo en 1956, pero non se deu rematado ata 1958, en que se imprime en Vigo, sen pé de imprenta nin deposito legal, como se fose feito en Caracas.
1958, Coda.
Feliz, é convidado de novo e trata de ir a Caracas. Está en Madrid, o 1 de xaneiro de 1958. Escribe un poemiña na axenda: “Aninovo, año doncel/pois nas camposas do alén/xogas coa nena legría/que non te esquezas de min/che pido ca retesía/que n’has negar tanto ben/a quen soio en ti confía”. O día 3, en Barajas, non lles é posible montar no avión. “No millor, na derradeira ventanilla a Policía recolle o pasaporte. Derrubase o viaxe. Penso nos de Caracas: Un viaxeiro, Sr. [...] leva a nova. Viaxes e xestións en Seguridad e con Villegas. Falado con Domingo. Noite de amargura e inquedanza”. Ao día seguinte, 4, escribe desde o hotel na axenda: “Día cenzo, chuviñento á mañá. Visita o Direitor general de Seguridade. Unha as dous menos dez – Serán cansa e tristeira na cambra do hotel lendo sen gana un libro sobre Lois XV –Ás dez da noite sai a resoluzón e negativa. ¡Xa non imos a Caracas! Fita inda estaba espranzada co fermoso viaxe... Escribo ás once. Dáme pena por Fita – Seriedade =.
Que pasou? Non hai espazo. Heilles contar o que eu creo outro día.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
PRIMERA FEDERACIÓN
Última bala para el Arenteiro
La Región
TCA: Para muchos una tontería, para otros una realidad
PREFERENTE FUTGAL
El Antela regresa al verde