La Región
JARDÍN ABIERTO
Simbología de la flor de amarilis en Navidad
Escribiu Celso Emilio Ferreiro: "Celanova ten un vento,/ Celanova un vento ten,/ un vento peleriñante,/ un vento que vai e ven./ Un vento que máis que vento/ é un teimoso roncón/ fungando polos tellados/ con grave e tristeiro son..."
Escribiu Celso Emilio estes versos a xeito de introito dunha "cantiga para durmir un neno" dentro do libro "Onde o mundo se chama Celanova" e que xa sexa na rouca voz remasterizada de Suso Vaamonde, xa na doce e harmoniosa melancolía de María do Ceo, pasa por ser un dos moitos himnos literarios cos que conta -volvo a Celso Emilio- "a miña vila primordial, o meu país príncipe", aquel que no que, baixo o Monte Leboreiro e ó pé do río Sorga, un día de hai preto de once séculos Rosendo Guterres fundou un novo casal ó que lle deu por nome "Cela Nova".
Celanova ten un vento que durante estes últimos catro días (hoxe terá lugar a magna despedida co concerto de presentación da formación "Hercules Brass Ensemble") ten viaxado ó libre albedrío das mornas ondas do estío polos tellados do convento, enchendo de maxia e de engado o resultante actual daquela iniciática "obra marabillosa" que o fundador nos deixou legada no seu testamento vital.
E ten sido por obra e gracia de cinco mozos fillos da Galicia rural, que responden ós nomes de Alejandro Vázquez (Cartelle), Rodrigo Rodríguez (Viveiro), Víctor Vilariño (Vila de Cruces), Javier González (Agolada) e Esteban Méndez (Meaño), e que logo de térense procurado cada un deles un envexable currículo musical no ámbito da formación clásica internacional (convídoo a que entre na súa web), confluíron na Cidade de Cristal, onde residen habitualmente, para daren nacemento a unha composición de instrumentos de "vento metal" capaz de fachendear coa súa arte musical polos escenarios dos mellores e máis prestixiosos auditorios do mundo. Polos que xa teñen tocado con algunhas das orquestras sinfónicas máis prestixiosas de Europa, debo dicir de paso.
Da súa man o pobo de Celanova tivo o privilexio de escoitar, entre outros moitos, o virtuosismo de trompetistas coma o pontevedrés de Barro (algún día haberá que darlle algún estatuto de veciñanza celanovesa) Esteban Batallán, que é solista na Orquestra Sinfónica de Granada, ademais de colaborador de moitas formacións europeas coma a Sinfónica de Londres ou a de Basilea ou -ó outro lado do océano- a Sinfónica de Atlanta, así como o trombonista uruguaio Enrique Crespo, que a dicir de Alejandro Vázquez, pasa por ser "o pai" musical de todos eles. Un privilexio -repito- ó que só adoitan teren acceso grandes cidades dotadas con barrocos ou postmodernos auditorios e que agardemos que a partir deste ano se repita con regular periodicidade cando cae o mes de agosto.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
La Región
JARDÍN ABIERTO
Simbología de la flor de amarilis en Navidad
Jaime Noguerol
EL ÁNGULO INVERSO
La mirada sabia del barman
Miguel Anxo Bastos
Extremadura: la clave está a la izquierda
Sergio Otamendi
CRÓNICA INTERNACIONAL
Dos éxitos o dos fracasos
Lo último