Manuel Orío
RECORTES
El modo de hacer justicia
A opinión pública galega, historicamente atenta aos movementos xeopolíticos pola nosa condición de nación periférica e migratoria, asiste con certa distancia ao labirinto de Ceuta e Melilla. Porén, o que alí se xoga non é unha simple disputa territorial norteafricana, senón a definición mesma das costuras estratéxicas, xurídicas e sociais da Unión Europea. O vello status quo colonial e comercial que sostivo estas dúas cidades autónomas durante séculos rachou de xeito irreversíbel, deixando ao descuberto un modelo de extrema fraxilidade cara ao futuro.
O primeiro elemento desta metamorfose é de carácter demográfico e identitario. Nos últimos corenta ou corenta e cinco anos, Ceuta e Melilla experimentaron unha mutación étnico-relixiosa sen precedentes. A partir do proceso de regularización iniciado a mediados dos anos oitenta do século XX, a poboación de orixe musulmá -maioritariamente de etnia bérber ou tamazight no caso de Melilla- accedeu á plena nacionalidade española. Hoxe, estas comunidades de orixe musulmá representan xa arredor do 50% do censo en Ceuta e superan lixeiramente esa porcentaxe en Melilla. Esta realidade fracturou o vello monopolio político dos partidos de ámbito estatal, propiciando a emerxencia de forzas localistas alicerzadas nestes sectores de orixe extraeuropeo (como Coalición por Melilla ou o Movemento pola Dignidade e a Cidadanía) que actúan como auténticas chaves de gobernabilidade, mudando as dinámicas sociolóxicas e singularizando un debate electoral adoito polarizado.
O transfundo económico de Marrocos agrava este cadro
A esta mudanza interna sumouse unha remuda estrutural da súa contorna económica nos últimos cinco anos. O ano 2021 marcou un punto de non retorno co peche unilateral por parte de Marrocos do histórico “comercio informal” e a posterior blindaxe fronteiriza coa esixencia de visado obrigatorio. A fin do contrabando consentido asfixiou economicamente as áreas marroquís colindantes, como al-Fnideq (Castillejos) ou Nador, onde máis de cen mil persoas ficaron sen sustento, disparando a miseria e a frustración social que alimenta a migración. Pola contra, Ceuta e Melilla víronse forzadas a unha “peninsularización” artificial, subsidiada polo Estado e pola UE a través de plans de reconversión que tentan transformalas en hubs dixitais e de servizos, cortando os seus lazos físicos con África.
O transfundo económico de Marrocos agrava este cadro. Malia a súa indubidábel modernización loxística e industrial (coa canle de Tanger Med), o reino alauíta amosa un desemprego xuvenil que supera o 36% nas áreas urbanas, lastrado polo favoritismo e pola falla de oportunidades, en parte conectada coa deficiente formación profesional que restrinxe de xeito substancial a empregabilidade-tamén na Europa- de centos de milleiros de mozos marroquinos. Neste contexto, o control da inmigración por parte a Administración do rei Mohamed VI é puramente relativo e, sobre todo, instrumental. Rabat demostrou dominar o “grifón” migratorio como unha eficiente ferramenta de presión xeopolítica (ou guerra híbrida) contra Madrid e Bruxelas, relaxando a vixilancia fronteiriza cando cómpre forzar concesións diplomáticas e blindándoa de novo cando flúen os millonarios fondos europeos de cooperación. Mais medra a desafección destes centos de milleiros de mozos, excluídos pola política da Administración real marroquina.
As feblezas do modelo actual cara ao futuro son evidentes
O impacto deste escenario chega de cheo á UE e- queirámolo ou non- dalgún xeito tamén a Galicia. Como fronteira exterior terrestre, a permeabilidade de Ceuta e Melilla devala na redistribución de fluxos asistenciais por todo o Estado, afectando as cotas de acollida e os sistemas de asilo, tamén na nosa Galicia. Ademais, nunha Europa tensionada polo novo Pacto de Migración, calquera fenda de seguridade ou crise humanitaria nestes perímetros altera o equilibrio e a estabilidade de todo o espazo Schengen, como estamos a ver.
As feblezas do modelo actual cara ao futuro son evidentes. Cómpre un debate que analice a viabilidade relativa de manter no longo prazo dúas illas urbanas hiper-subvencionadas rodeadas de rexións deprimidas sen un sistema institucional de cooperación con Marrocos que vaia máis alá do mero control policial. A dependencia absoluta do orzamento público e a vulnerabilidade diante da xeopolìtica, da corrupción e da falla de aquelado pulo de desenvolvemento económico de Rabat converten Ceuta e Melilla nun equilibrio inestábel sobre o arame. Ademais, a falla de cobertura explícita no que atinxe á defensa militar-artigo 6 do Tratado da OTAN-, unida á crecente asimetría demográfica interna, esixen que Madrid e Bruxelas pasen da mera contención policial a unha blindaxe xurídico-internacional definitiva.
Velaí un reto de cohesión que o Estado español e maila UE non poden ignorar e que non se resolverá nin exclusiva nin nomeadamente con exércitos e policías.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Manuel Orío
RECORTES
El modo de hacer justicia
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Llamada para un estudio del Sergas
Ángel Mario Carreño
REFLEXIONES DE UN NONAGENARIO
Onceavo, preveer y refranero
Juan José Feijóo
La judicatura en tela de juicio
Lo último