La Región
JARDÍN ABIERTO
Simbología de la flor de amarilis en Navidad
Todo o mundo sabe o que é o chao: superficie sobre a que se anda; e case todo o que é un chao: terreo plano, chaira. Non obstante, xa se fixara Sarmiento en que as chairas adoitaban estar no fondo de vales, «vega llana», mentres os chaos estaban a certa altura. Don Eladio escribe: «Chaos: Terrenos planos, altiplanicie de más o menos extensión que forma lo que los geólogos llaman penillanura.». E como os nosos devanceiros tiñan preferencia polos sitios elevados para vivir, Chao é moito máis frecuente ca Chaira na toponimia galega dos núcleos habitados. Isto tamén explica que o apelido Chao -Chan máis alá do Suído- resulte relativamente común, mentres Chaira non se dá. Como curiosidade, a maioría dos apelidos Chao da provincia de Ourense, incluídos todos os de Ribadavia, con Eduardo Chao, ministro da I República, á cabeza, veñen do Chao de Lebosende (Leiro), un barrio desta parroquia que nin figura no Nomenclátor.
Pero non quero falar de núcleos habitados, senón de terras con ese nome. E hai un Chao que destaca sobre todos, o da popular cantiga: se me queres ter de amigo/ dame viño do Ribeiro/ pan trigo de Ribadavia/ nenas do Chao de Amoeiro. Si, "Chao de Amoeiro", en singular, non "Chaos de Amoeiro" como se adoita dicir e escribir. Pero claro, as cousas cambian, e na Idade Media o Chao máis coñecido de Galicia, se nos atemos á documentación, non era o de Amoeiro, do que non se ten noticia ata finais do século XV, senón o Chao de Castela, unha terra que hoxe poucos identifican, pero que está profusamente documentada. Levaba o seu nome por estar encadrada dentro do antigo territorio de Castela, circunscrición medieval que, en esencia, agrupaba o que hoxe son as terras do Ribeiro e do Carballiño. Concretamente, o Chao de Castela é a meseta, duns 70 km2 de superficie, que sobresae, ata uns 400 m de altitude, sobre as fonduras dos vales ribeiráns do Barbantiño, do Miño, do Avia e do Barón, que a circundan polo leste, sur e oeste, mentres ó norte perde o nome cando o terreo se empina na dirección dos montes da Martiñá. Ten o centro este Chao nas terras do concello do San Amaro, pero tamén toca parroquias de Cenlle, Maside, O Carballiño e Punxín. Otero Pedrayo identifica na súa Xeografía esta terra de "chaos", entre os ribeiros "Barbantiñán" e "Aviense", pero escribe que «non ten nome propiamente», e Risco tampouco acerta con ese nome: nisto radica o descoñecemento que hai en Ourense e en Galicia do Chao de Castela. O Chao de Amoeiro, pola súa banda, é terra irmá da do Chao de Castela: só o val do Barbantiño as separa; pero non deben confundirse, porque o Barbantiño constituía o linde entre os territorios medievais de Castela e de Búbal, e Amoeiro situábase neste último, xa fóra da terra de Castela.
A terra do Chao de Castela acumula unha grande riqueza cultural e paisaxística, da que tal vez escribamos outro día, pero ten o punto de máximo interese no Castro de San Cibrao de Las, comunmente coñecido como A Cidade, un dos de maior superficie e importancia de Galicia. Ademais, agora, coa instalación do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa neste lugar, ten aumentado moito o interese polo seu coñecemento, tanto por parte dos estudosos coma dos turistas. Por iso, talvez non estea de máis lembrar a situación xeográfica deste importante centro arqueolóxico, para, dese xeito, poder falar ou escribir con propiedade sobre a mesma. Nese senso, hai que apuntar que o Castro, ou mellor a Citania, de San Cibrao de Las sitúase no administrativo entre as parroquias de Las (San Amaro) e Ourantes (Punxín), na comarca do Carballiño; pero o nome xeográfico e histórico propio desta terra é o de Chao de Castela, o único que tivo desde a Idade Media, aínda que moitos o esqueceran.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
La Región
JARDÍN ABIERTO
Simbología de la flor de amarilis en Navidad
Jaime Noguerol
EL ÁNGULO INVERSO
La mirada sabia del barman
Miguel Anxo Bastos
Extremadura: la clave está a la izquierda
Sergio Otamendi
CRÓNICA INTERNACIONAL
Dos éxitos o dos fracasos
Lo último