Itxu Díaz
CRÓNICAS DE PRIMAVERA
Balones al fondo de la red
CASTELLUM HONESTI
Hai uns días din unha conferencia no marco do Abril Oteriano 2026, organizado pola Fundación Otero Pedrayo e a Universidade de Santiago de Compostela. Agora coñezo un pracer maior que falar da amizade entre Florentino López-Alonso Cuevillas e Ramón Otero Pedrayo: facelo no ambiente maxestoso do paraninfo da Facultade compostelá de Xeografía e Historia, onde o Patriarca impartiu a súa derradeira lección coma catedrático.
Ese espazo, cheo de memoria e simbolismo, é o mellor escenario para matinar sobre unha das relacións máis fecundas da historia intelectual e política da Galicia contemporánea. Por que, a de Cuevillas e Otero non foi só unha amizade nin unha coincidencia xeracional, senón unha comunidade de espírito e de destino que, nada na nenez e consolidada na mocidade, se prolongou até o pasamento do primeiro, en xullo de 1958, como unha obra común de creación cultural e de construción de conciencia de país.
Os seus primeiros vencellos agromaron no Instituto de Ourense; o centro onde se formaron nun ambiente académico -baixo a influencia de Marcelo Macías e Eduardo Moreno-, decisivo para toda unha xeración. Nese contexto, o convite a merendar con Emilia Pardo Bazán, nas festas do Corpus de 1901, representou o contacto entre unha figura cultural consolidada e o xermolo da nova concepción de Galicia que se preparaba.
Mais, para entende-la verdadeira dimensión desta relación cómpre atender ó mundo no que medraron. Procedentes dun ambiente vencellado á pequena fidalguía provincial, Cuevillas e Otero compartiron unha educación sentimental baseada na lealdade, na mesura e nunha concepción da vida herdada do mundo tradicional -o dos señores da terra-, que esmorecía. A finais do século XIX e comezos do XX, Galicia vivía un fondo proceso de transformación no que convivían os restos dunha sociedade en declive coa chegada dunha modernidade que alteraba as estruturas económicas, sociais e políticas.
Cuevillas, apegado a Ourense como a ostra á rocha, investigou os nosos primeiros tempos e dotounos dunha prehistoria sistematizada e dunha conciencia que reforzou a nosa identidade secular
Ourense foi o espello desta transición: o crecemento urbano, a rúa do Progreso, a chegada do ferrocarril e a irrupción dunha burguesía comercial allea á terra, modificaron a fisionomía da cidade, até ese intre de base rural. Neste escenario de mudanza, os mestres do cenáculo ourensán adoptaron inicialmente unha actitude de afastamento; foron, durante un tempo, uns dandis inadaptados, os habitantes dun mundo estético e vital alleo á realidade inmediata. Porén, o illamento non sería definitivo xa que os acontecementos europeos -a I Guerra Mundial e as atrocidades bolxeviques-, foron o detonante dunha transmutación interior. Aqueles mozos, que viviran de costas ó mundo que os rodeaba, asumiron de súpeto a responsabilidade de contribuír á rexeneración de Galicia.
Da man de Losada Diéguez e baixo o liderado intelectual e político de Vicente Risco, incorporáronse ás Irmandades da Fala e principiaron o camiño que os levaría a converterse nos protagonistas da renacencia galega. Abandonaron os exotismos e vestiron a chaqueta galeguista até que a Guerra Civil e a ditadura franquista amordazaron as súas arelas. Privados da acción política, orientaron os seus esforzos cara ó culturalismo como forma de resistencia; nun tempo de silencios impostos, mantiveron acesa a chama dunha identidade que se negaba a desaparecer.
A súa obra sería unha continuidade coherente coa iniciada na mocidade. Cuevillas, apegado a Ourense como a ostra á rocha, investigou os nosos primeiros tempos e dotounos dunha prehistoria sistematizada e dunha conciencia que reforzou a nosa identidade secular. Otero Pedrayo, de natureza máis nómade, converteuse no gran narrador de Galicia, no intérprete da súa paisaxe e no guía intelectual e moral dunha xeración que fixo da cultura o camiño da afirmación do noso país.
E conclúo, outra vez, que pensarmos Galicia, coma eles fixeron, consiste en interpretármo-lo pasado, mais tamén en abrírmo-los vieiros cara ó futuro; en sermos quen de transforma-la experiencia en pensamento e este en acción, para que as leccións obtidas permanezan sempre vivas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Itxu Díaz
CRÓNICAS DE PRIMAVERA
Balones al fondo de la red
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
La pregunta del moribundo
Isaac Pedrouzo
¡ES UN ANUNCIO!
Cualquier tiempo pasado no siempre fue mejor
José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
O fraude do Home de Piltdown
Lo último
I ROMARÍA POPULAR
Luis Menor: “O PP terá máis alcaldesas na provincia de Ourense”
DOS JORNADAS POR JUGAR
El Arenteiro regresa de Guadalajara con otra derrota (2-0)