Delcy e os 2.000 xenerais

Publicado: 07 ene 2026 - 03:05

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Creo que Delcy, como corrupta, venal, traidora e obediente, é a persoa ideal para este momento da transición venezolana. Cada vez parece máis probable que ela estivese, como moitos outros, cabo do camiño da “extracción” de Maduro. Se cadra isto explica a nula reacción do exército, sen sequera un disparo dos sistemas antiaéreos contra a fileira de helicópteros que se pasearon polos ceos de Caracas. En fin, será útil ao amo, pola conta que lle ten. Non será comparable a Adolfo Suárez -este era de boa caste- e nin creo que intente constituír un partido chavista para seguir. E o discurso de Trump, -que escoitei íntegro- foi coma sempre o dun chulo, barallán, amezador, que se perde pola boca, que se quería facer o simpático -a broma a Rubio de que non pedise a recompensa pola captura de Maduro- e con moitas claves internas e externas; un totum revolutum. Obsesionado con zoscarlle ao pobre Baiden, presumindo da seguranza cidadá desde a intervención da Garda Nacional en varias cidades, aclarando que vai polo petróleo, ameazando a Colombia, México, Cuba, etc. E, tacticamente, desprezando en público a Maria Corina Machado e apostando por Delcy. Despois de darlle voltas a esta operación deseñada ao milímetro por Mario Rubio -a quen vexo no futuro como primeiro presidente de orixe hispana-, creo que a idea de non queimar a Edmundo González e María Corina nunha primeira fase, está ben. A súa volta de mans do exercito USA, tería moi mal encaixe non só entre os gobernos afectos á ditadura venezolana -Cuba, Rusia, China, Irán, México, España...- senón, e máis importante, entre a parte da poboación venezolana que non o votou. Trátase, creo, de facer algo parecido ao que foi a transición en España, soldar de novo a sociedade, e facer o tránsito de ditadura -de esquerdas ou dereitas, iso é irrelevante- á democracia liberal. Facilitar o acceso dos “outros” ao poder, ten recompensa, se cadra, co mantemento dos privilexios económicos. Miren ata que punto chega isto nas situacións extraordinarias que coa “rapañota” do bens do Estado da URRSS entre mafiosos e políticos -alá a mesma xente, claro- púidose facer o tránsito sen moitos problemas.

Á marxe da tradición uniformada, Maduro ascendeu militares afíns de forma masiva, ata chegar á disparatada cifra de máis de 2.100 xenerais

Cómpre si, alguén de dentro que faga aos afíns, unha explicación pola calada do futuro que lles convén. Pringarán, coma sempre, os crédulos de base, eses que andan nas motos con metralletas amedrentando á xente en nome da revolución. Pero a elite chavista mudará como saben facer sempre as elites.

Para que vexan a complicación na demolición controlada do edificio chavista, para a que debera ser útil a Dulcy, uns datiños. O sistema promoveu unha mafia “político-militar” clave na ruína do país. O Ministerio de Defensa controla 20 empresas que cobren todos os sectores económicos. Algunhas tan estrañas para nós como a Camingpeg “Compañía Anónima Militar de Industrias Mineras, Petrolíferas y de Gas”, ou do BFANB (“Banco de la Fuerza Armada Nacional Bolivariana” ou o AgroFANB, que controla grandes extensións de terras e produción agrícola, ou a GMAS (Gran Misión del Abastecimiento Soberano) que distribúe os alimentos no país, etc. etc. etc. En fin, que para xestionar -moi mal, por certo- todo este tecido na superficie -e, presumiblemente outros, clandestinos enfariñados- creou unha elite de amigos xenerais, o que lles dá grandes poderes. Á marxe da tradición uniformada, Maduro -que conducía autobuses da compañia Metro de Caracas antes de verse tocado polo dedo máxico de Chaves- ascendeu militares afíns de forma masiva, ata chegar á disparatada cifra de máis de 2.100 xenerais. Pensen que España ten 227, Inglaterra 471, e EEUU 650. Nin Corina nin Edmundo poderían, facilmente, cambiar isto pola brava.

Mellor unha fontaneira que xa haberá tempo de despedir. Un abrazo amigo a todos os venezolanos de ben. E desculpade que opine do voso. Paciencia. Os cambios están a chegar.

Contenido patrocinado

stats