Jenaro Castro
TRAZADO HORIZONTAL
Juanma y la parábola de San Pedro
Élóxico que a Xunta estea preocupada pola queda da natalidade. Mais estas non son máis que bágoas de crocodilo, xa que se lle bota a responsabilidade ás familias cando, na inmensa maioría dos casos, ter fillos/as sería unha irresponsabilidade, ao ser unha decisión que está estreitamente vinculada coa situación económica (para alén doutros aspectos de estabilidade).
A nosa é unha sociedade onde os asalariados/as, con emprego ou parados, son unha ampla maioría (o 82,2% da povoación activa no 3º trim. de 2013). Carecer de traballo coloca as familias nunha situación dramática. Non existe pra maioría ningunha posibilidade de recuar a pasadas actividades no rural e na pesca, malia que se podan dar alentadores exemplos do contrario (máxime tendo en consideración a necesidade de revitalizar a actividade primaria, cunha man de obra moi avellentada).
Recuperar a natalidade depende en gran medida de xerar emprego, con salarios dignos e xornadas acaídas, así como das facilidades pra adquirir ou alugar vivenda, de boas prestacións e servizos públicos, e dunha fiscalidade progresiva e directa. Ou sexa, todo o contrario do que se está a facer, polo que de pouco vale que a Xunta aprobe algúns incentivos fiscais (360 euros por nacemento) e axudas por fillo/a a cargo. Son achegas positivas, mais insuficientes e que en ningún caso atacan as eivas de fondo, as de carácter estrutural: os baixos ingresos dos mozos e mozas que traballan, empregos temporais e a tempo parcial que non permiten planificar o futuro, altas taxas de desemprego que impiden a independencia ou forzan a enxurrada emigratoria.
Os dados dino todo. Mentres que pra os maiores de 35 anos os contratos temporais representan un 16,21% do total, pra os os que teñen 35 ou menos acadan o 43,43% (fonte EPA). Se analizamos os ingresos temos que, pra o ano 2012, segundo fontes da Axencia Tributaria, o salario medio anual era de 4.604 euros pras 1.952 persoas menores de 18 anos, de 6.947 euros pras 81.181 persoas de entre 18 e 25 anos. Mentres que pras 118.601 persoas que tiñan entre 56 e 65 anos os ingresos medios eran de 22.944 euros. Como se pode ver, pra os 83.133 mozos e mozas menores de 26 anos, os ingresos son 1/3 dos maiores de 55 anos.
Por se non abondase, a taxa de paro dos menores de 36 anos atinxe o 30,7% mentres que nos maiores de 35 acada o 17,6%. Unhas cifras que merecen dous comentarios. O primeiro, que a taxa de paro na Galiza, na enquisa da EPA é cuestionábel, xa que non segue a mesma tendencia que noutras autonomías en relación ao paro rexistrado, e ademais a nosa taxa migratoria é moito maior.
Este grave deterioro das condicións laborais da mocidade dáse nunha conxuntura no que a clase traballadora perdeu no seu conxunto porcentaxe no PIB en beneficio do capital. Asemade, diminuíu a media salarial real, tanto en ingresos directos, como polo aumento do IPC, presión fiscal e menores prestacións sociais. Aínda que a natalidade sexa unha decisión persoal (na que a muller debe ter sempre a última palabra) é un beneficio colectivo, e que como tal, debe ter axudas públicas importantes.
Neste contexto regresivo, e todo indica que a tendencia vaise manter, se non se dá unha profunda modificación na correlación de forzas, conquista de soberanía nacional e redistribución da riqueza ¿como se pode pensar que con campañas de propaganda e axudas menores van mudar a queda da natalidade? Como non infravaloro a quen nos governa, teño que pensar que se trata de converter o negro en branco, facendo da natalidade unha escusa máis pra culpar a sociedade dunha estratexia en beneficio das clases dominantes. Despois de todo, se fixesen falla, persoas, sempre se poden importar e, a medio prazo, serán menos esixentes. A nación non é máis cunha marca,... retornamos ao feudalismo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Jenaro Castro
TRAZADO HORIZONTAL
Juanma y la parábola de San Pedro
Jesús Prieto Guijo
LA OPINIÓN
103-13: Un sonrojo galáctico
Jaime Noguerol
La sombra de Caín
Ramón Pastrana
LA PUNTILLA
Ahorro
Lo último
24 HORAS PARA ALQUILAR
El reto de alquilar un piso en Ourense: “Hay anuncios que no duran ni un día”
PRÓRROGA DE ALQUILER
Hasta 5.000 contratos de alquiler en vilo por la prórroga del Gobierno