A dereita provincial e as leas do Oriente Próximo

Publicado: 15 ene 2026 - 02:10
Opinión en La Región

Á saída da interparlamentaria do PP na Coruña, Menor publicou un vídeo mesturando acordo co Mercosur, recortes na PAC, Cataluña e Venezuela nas antípodas de calquera análise verificable. Presenta o tratado comercial coma orixe dos males do agro e culpa a Sánchez por un convenio asinado tamén polo PP para eludir responsabilidades propias. Galicia e a Deputación teñen competencias e orzamento pero prefiren importar conflitos do Oriente Próximo, debates dos cuarteis xerais madrileños que renden noutros territorios. Maduro, ERC, Junts e a amnistía ocupan os discursos da dereita galaica como prioridades locais. A comunidade venezolana crecente, o financiamento catalán como agravio, o soberanismo como panca emocional. Namentres, problemas verificables da provincia quedan fóra de foco.

Robert N. Proctor, historiador en Stanford, fala de agnotoloxía para referir a produción deliberada de ignorancia. Naomi Oreskes documenta en Merchants of Doubt (mercadores da dúbida) a aplicación da “ciencia da agnotoloxía” en determinados contextos para impedir calquera debate racional. Non é desinformación accidental, senón construción consciente de confusión. A dereita española reincide nun mesmo patrón: arremeter contra o inimigo —non adversario— para eludir responsabilidades propias mesmo alí onde gobernan con prerrogativas e recursos para actuar. Feijoo pedía militares contra os incendios mentres as competencias eran galegas. Mazón culpaba ao Estado pola dana cando a xestión era autonómica. Menor culpa a Sánchez por un acordo asinado polos seus ben que posúe competencias que elixe non empregar, instrumentalizando unha cuestión servíbel para a empresa de Feijóo pero extemporánea ás urxencias da provincia.

O tratado que o presidente ourensán presenta como ameaza ten un elevado valor estratéxico que o seu relato agocha. Nun momento en que Europa é criticada pola súa falta de perfil internacional, Mercosur representa o meirande pacto negociado pola Unión en termos de redución arancelaria, con máis de 4.000 millóns de euros anuais de impacto. A dimensión xeopolítica resulta evidente, facilitando o acceso europeo a materias primas críticas e reducindo a dependencia de China e Estados Unidos fronte ao crecente proteccionismo. Con Trump ameazando, Europa precisa alianzas estratéxicas que, ademais, comportan garantías. Brasil achega unha matriz de 88% de enerxía renovable, coherente coa transición ecolóxica. Protéxense 350 indicacións xeográficas europeas, incluídas Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra. O impacto real limítase ao 1,3% do consumo comunitario, con salvagardas automáticas e estándares fitosanitarios non negociables.

Os adalides da antipolítica fincan marcos narrativos viciados que determinan as contornas do debate co obxecto de desvirtuar a discusión real

A narrativa que presenta Sánchez como responsable único esmorece fronte aos feitos. O tratado co Mercosur empezou a negociarse en 1999 con Aznar. Continuou coa Comisión Barroso e Rajoy na Moncloa, sendo requintado na década de 2010 e rematado no 2019 con Juncker. Asináronse os termos finais en decembro de 2024 con Von der Leyen como presidenta do colexio de comisarios. Un cuarto de século nos que o grupo popular foi protagonista central. Aznar e Rajoy son menos responsables que Sánchez cando participaron na súa conformación durante máis tempo? Von der Leyen avalou o que xa estaba negociado. A bancada conservadora votou a favor no Congreso e o PPE apoiouno masivamente en Estrasburgo. Mecánica que exemplifica a agnotoloxía en estado puro, presentando como traizón recente un longo proceso co PP como actor central.

Co foco no Mercosur siléncianse responsabilidades e omítese inacción. Os recortes na PAC propostos pola presidenta da Comisión supoñen 80 millóns menos ao ano para Galicia e a desaparición do segundo piar, pero subliñalo implicaría arremeter contra o PPE. Habería que evocar as limitacións da Fundación Galicia-Europa, oficina da Xunta en Bruxelas coñecida na burbulla comunitaria pola súa ineficacia na defensa dos intereses galegos. Galicia ten competencias exclusivas en agricultura, gandería, desenvolvemento rural e sanidade animal. A Xunta xestiona centos de millóns pero non establece vacinación preventiva contra a dermatose nodular nin plan de incorporación de mozos. A Deputación pode incentivar o sector, pero o grupo de goberno rexeita as propostas levadas a Pleno adicando case que cero euros ao agro. Agora multiplícanse encontros e promesas co rural porque o marca a axenda madrileña.

Os adalides da antipolítica fincan marcos narrativos viciados que determinan as contornas do debate co obxecto de desvirtuar a discusión real. A dereita provincial presenta ao goberno central como culpable dun tratado negociado ao longo de 25 anos ao tempo que posúe competencias exclusivas en agricultura que elixe non empregar. Fondos para infraestruturas, camiños de acceso a explotacións, banda ancha no rural ou observatorios do sector quedan sen executar. Esta agnotoloxía aumenta a desafección. A cidadanía perde confianza nas institucións por mor de estratexias de acoso e derribo onde todo serve para esnaquizar ao opositor, mesmo se ao final non queda absolutamente nada en pé. A democracia require de quen xestiona competencias que responda polos resultados e de quen faga oposición que critique lexitimamente e plantexe alternativas, non que terxiverse cuestións complexas segundo lóxicas e parámetros importados do Próximo Oriente.

Contenido patrocinado

stats