O derradeiro cambio?

Publicado: 29 oct 2025 - 02:05

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Dende hai uns anos semella todo está a mudar no mundo a moita velocidade. A globalización trouxo moitas cousas boas, mais como case todo, é unha arma de dobre fío que dependerá como se empregue. Con todo, dende que se foi asentado na nosa vida todo anda un chisco máis revolto. E como eso camiña fora do noso control falemos do que hoxe nos atinxe na vida ordinaria. Polo que tócalle lembrar o que volveu como se fora unha rutina dende comenzos dos setenta do século pasado: o cambio de hora.

Hai uns días tivemos a obriga de atrasar o reloxo unha hora. Razón pola que nesta data sen ser unha xornada sinalada como festa no calendario, na nosa vida cotiá, mudan moitas cousas. A primeira é que volvemos ó horario que nos correspondería todo o ano, dado que, queirámolo ou non, o uso no que estamos é o do meridiano de Greenwich e ata o cambio íamos por diante descolocados do que alí se marca. Con este troco, que coincide case co día dos defuntos, semella que encetamos, sendo outono, o tempo da estación de inverno. Os escaparates das tendas comenzarán a lucir reclamos para o Samaín e logo o farán para o tempo de Nadal. Os concellos comenzaran axiña a poñer todo ise lucernario que nos chama a consumir se criterio, e que sempre está animando de mil cores e fantasías a nosa vida. E sobor de todo neste Ourense de Jácome onde incentívanse as festas, mentres pola contra esmorece a vida cultural, e anímase o chocalleiro sen máis obxectivo que a festa pola festa. Obxectivo: que a xente non pense nin reclame melloras sociais ou obras para a cidade. Mellor, que viva exclusivamente para desfrutar da festa e consumir sen tino, obxectivo que tamén manda na TVG dos populares. Mais co cambio de hora non se rematan os trocos que afectan a nosa vida, pois séguese apalpando e movendo as horas do servizo dos Autobuses urbanos. E lembramos que tanto barullo e tanto deseño co rotulador nun papel valeu pra moi pouco. Si, unicamente pra irmos como sardiñas en lata en determinadas liñas.

As estreliñas das pedras que moran no campo santo sempre falan cos mortais, teñen conversas de anos

En fin, vivimos nun mundo onde todo camiña moi de presa. E aínda que non o percibamos, estamos entregados ós nosos asuntos privados, polo que case, sen decatarnos, non percibimos que imos tragando trocos en moitas cuestións da nosa vida que en nada nos axudan no día a día. Dixen ó comenzo o que todo vai de presa e que nos afecta e moitas veces manca. Tamén que quixera que o cambio de hora fora o derradeiro. En fin, xa o veremos. Con todo, queirámolo ou non, entramos no tempo de inverno e como todos temos seres queridos que xa nos deixaron visitaremos os cemiterios, levarémoslles flores e lembraremos a memoria dos noso familiares, dos amigos e dos veciños. Polo que hoxe quero rematar cuns versos que naceron hai varios anos. Din así:

As estreliñas das pedras

As estreliñas das pedras que moran no campo santo sempre falan cos mortais, teñen conversas de anos./ Son testemuñas dun presente silencioso e moi tranquilo, que se racha cando hai bágoas ó soterrar a un amigo./ Son estreliñas brillantes, pequeniñas e fermosas;/ son a alma dos defuntos que alumea moi saudosa./ As pedras do campo santo cada día locen máis; son as voces dos antergos: queren facerse escoitar./ Queren contarnos historias, vivencias do seu pasado, queren dicirnos a todos: en paz descansando estamos./ Algún día nós seremos un vagalume no tempo, que converse cos mortais e lles conte algún segredo. As estreliñas das pedras que moran no camposanto, co seu lucir tan fermoso, sempre están por nós chamando.

Contenido patrocinado

stats