Día da música

Publicado: 22 nov 2026 - 02:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Hoxe 22 de novembro celébrase o día de santa Icía, patroa dos músicos, tanto dos profesionais como dos afeccionados, como é o meu caso e o de tódolos compañeiros da Coral De Ruada e, con tal motivo, quero participar nesta celebración con tres pinceladas ou anécdotas en relación coa música.

A música amansa as feras (refrán popular). Hai uns 30 anos, cando entrei en De Ruada, o daquela presidente -Manuel Rego Nieto- comentou nunha sobremesa que, a mediados dos anos 60, conseguira en Madrid un disco dos Coros do Exército Ruso da antiga URSS, coñecidos tamén por Conxunto Alexandrov por ser o xeneral Alexánder Vasílevich Aleksándrov o seu fundador (en 1928) e primeiro director. Hai que lembrar que Manuel Rego, nesa altura, era concelleiro do Concello de Ourense e tiña ao seu cargo a organización das festas da nosa cidade e tamén do Festival do Miño, polo que viaxaba á capital de España con certa frecuencia. O disco contiña 12 temas gravados baixo a dirección de Boris Aleksandrovich Aleksándrov, fillo do xeneral mencionado. Rego Nieto reuniuse con varios amigos para escoitalo e, ao remate, algún deles sentenciou: as persoas dun pobo que canta coma este non poden ser mala xente. Téñase en conta que para o réxime ditatorial do xeneral Franco os soviéticos eran todos rojos e os rojos eran o máis parecido ao diaño que había neste mundo, ata tal punto que a primeira xeira destes Coros por España non puido celebrarse ata 1978, cadrando co seu 50º aniversario e cando o ditador xa levaba case tres anos soterrado baixo unha pesada lousa no que ata hai pouco se coñecía como Valle de los Caídos.

A música é a arte que se atopa máis preto das bágoas e da memoria (Oscar Wilde). Coñécese como síndrome de Stendhal o trastorno psicosomático que provoca unha reacción física e emocional moi forte cando unha persoa contempla un gran número de obras de arte de gran beleza. Esta denominación ten a súa orixe na intensa reacción emocional que produciu ao escritor francés Marie-Henri Beyle Stendhal a visita que realizou a Florencia en 1817, abafado pola visión da gran cantidade e calidade de pinturas, esculturas e obras arquitectónicas. Actualmente admítese a mesma denominación para os efectos, tanto psíquicos coma físicos, que pode producir unha peza musical nunha persoa. Eu, que poño música algunhas veces para relaxarme mentres leo ou escribo, confeso que neses casos non podo escoitar determinadas pezas porque o efecto que me producen é xustamente o contrario. Poño por caso as arias Pourquoi me réveiller, ô soufflé du printems?, da ópera “Werther” de Jules Massenet, cantada polo tenor canario Alfredo Kraus; Je crois entendre encore, da ópera “Les pêcheurs de perles de Georges Bizet”, cantada polo tenor francés Philippe Talbot; Di Provenza il mar, il suol, da ópera “La traviata”de Giuseppe Verdi, cantada polo barítono italiano Leo Nucci; Ombra mai fu, da ópera “Serse” de Georg Friedrich Händel, cantada pola mezzosoprano -tamén italiana- Cecilia Bartoli ou, para que non todo sexa música clásica, a “Balada para Esther”, composta e interpretada polo polifacético artista e veterano cantautor canario Luis Morera. Non me provocan a taquicardia ou a sensación de desmaio que caracteriza a síndrome, pero, en determinadas circunstancias, fan que deixe de atender o que estea a facer nese intre para mergullarme na escoita e mesmo que algunha bágoa me esvare polas meixelas.

A música é a linguaxe secreta do corazón (Paul McCartney). En 1910 naceu en Morelia (Michoacán, México) Jesús Monge Ramírez, Chucho Monge, famoso compositor de boleros e música popular mexicana. Compuxo unhas 300 cancións e puxo música a uns 200 filmes. Entre os seus grandes éxitos están: “México lindo y querido”, “La feria de las flores”, “Pobre corazón”, etc., Unha das cancións máis coñecidas do seu repertorio é “Cartas marcadas”, popularizada por Pedro Infante no filme do mesmo nome estreado en 1948, cantada posteriormente por Antonio Aguilar, Cuco Sánchez, Chavela Vargas, Carlos Rivera, Dueto Dos Rosas e moitos outros intérpretes. Unha das estrofas da cantiga di así: Cantando no hay reproches que nos duelan, / se puede bendecir o maldecir, / con música la luna se desvela / y al sol se le hace tarde pa salir. Pódese alguén referir á música dun xeito máis fermoso?

Beizóns para a música e os músicos que a fan posible.

Contenido patrocinado

stats