Divagacións desde a toalla: Sanxenxo

Publicado: 30 ago 2025 - 01:10

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

O primeiro que se lle presenta a un ourensán que vai alá, é por onde ir. Pola autopista ou polo Carballiño? Imos ver. Se un non deixa a autovía-autopista, vai dando un arrodeo polo sur, ata as portas de Vigo, fai, en total 147 km. Segundo a Vía Michelín, vaille levar 1 h e 37 minutos e vaille facer gastar 20 euros entre gasolina e peaxes, pois o tramo desde Vigo, Ponte de Rande ata a desviación á vía rápida do Salnés son 5,9 euros. Se pola contra, opta polo Carballiño e logo ir pola costa -por Combarro- fará 114 km -un 30% menos- e seica lle ha levar 2 h e 7 minutos e gastará 12,3 euros só de gasolina; e peaxe, ningún. Vostede pode escoller, claro, pero parece mellor a vía Carballiño por unha combinación de ecoloxía -menos distancia, menor impacto-; de aforro -menor distancia e velocidade media, menor gasto-; e de pracer -as vistas da ría, dos montes do Paraño, son mellores que os túneles da Madroa-. E inda poden facer unha parada no Carballiño á ida, para levar a compra feita do Mercadona ou á volta para vir co entrecot posto do Fuchela, ou mesmo en Soutelo para café ou bocata. Coma sempre.

En fin vaian por un sitio ou por outro, o caso é que este ano toparán o lugar, como din os novos, petado. Aparentemente moita máis xente ca nunca. O número de pernoitas é alucinante para un concello que en 2024 tiña 17.914 habitantes. En xullo pasado foron, di o INE, 197.412, sen contaren pisos turísticos, campings, pensións ou segundas vivendas. Só hoteis. Por datos do trafico de chamadas de móbil e de consumo de auga, os picos das fins de semana falan dunha cifra 144.000 habitantes. Moitas máis pernoitas que na en Coruña, Santiago, Vigo... e xa non digamos Ourense. Aquí, na provincia, por exemplo, no mes de xullo houbo 10.250 visitantes cun total de 33.523 pernoitas. O turismo, pois no concello de Sanxenxo, concentra seis veces máis turismo que toda a nosa provincia; e o limítrofe Grove, pois tamén el só, aproximadamente, o dobre. Moito temos que espabilar.

E a que se debe este boom? A moitas causas, claro, algunhas fáciles de ver. Tendencia ao gregarismo, destino de moda en Madrid e España -mesmo algúns poñen as súas bandeiras nos balcóns para avisarnos da súa visita- e Portugal, máis discretos eles; moitas e boas praias para escoller (Raxó, Agra, Areas, Silgar, Canelas, Montalbo, Pegueira, A Lanzada, as de San Vicente...), variada alternativa de ocio e restauración, vida nocturna, festivais de música, chiringuitos e furanchos, etc. Pero hai unha que creo que é difícil de cuantificar pero que debeu ter a súa influencia: a presenza ocasional do vello Juan Carlos Alfonso Víctor María de Borbón y Borbón-Dos Sicilias, chamado “O’ Emérito” fixo que a atención de todos os medios de comunicación sobre o lugar fose tremenda. Saben ben os publicistas o que vale este impacto. Propaganda gratis constante en prime time, para a marca Sanxenxo.

E un par de curiosidades. Creo que sentín máis galego falado ca nunca. Como que houbese unha tendencia inercial en afirmar a orgullosa pertenza á terra Galicia-calidade. Si. Un cliente galegofalante xa non se baixa da súa lingua no restaurante, o camareiro tampouco -algún rapaz local queda- ou o promotor de calquera dos moitos “leira parquín”, para afirmar fronte aos de fóra, que eles son “de aquí”.

E o tema das familias novas moi numerosas. Pais de trinta e tantos ou corenta e poucos -el co pelo lambido e jersei aos ombros, camisa desabotoada nas mangas, ela loira e delgada, turrando dunha rolada de tres, catro ou cinco ou máis fillos e fillas, todos vestidiños igual, na praia ou camiño da misa o domingo, como se fosen da “Obra”. Así cando un vai no metro en Madrid, oe moito a palabra Sanxenxo. Morrerá de éxito o lugar? Traza non leva, hai moita grua. E o alcalde Telmo segue en cadeiras de rodas. Saúde e boa reentrada o luns.

Contenido patrocinado

stats