José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
“Señor das moscas”, de William Golding
Como saben, e se non saben dígollelo, son pouco amigo da "memoria histórica", por ser moi amante da "historia". Porque a memoria é unha facultade persoal e intransferible, e o traballo do historiador, o que "constrúe" a historia, é combinar esas lembranzas persoais, xuntalas coas achegas documentais, dos medios de comunicación da época, cos restos materiais, e construír unha realidade que poderiamos dicir científica. Así, unhas persoas teñen boa memoria, outros mala, e todos, todos, selectiva. Si, a maioría da xente lembra o que lles sucedeu, no que estaban involucrados, e en xeral procura lembrar as cousas boas e esquecer as negativas, porque os que fan o contrario, están condenados a vivir no desacougo e no descontento. En calquera caso, o historiador, se é bo, "filtra" unhas visións e outras, cotexa, interpreta e escribe. E escribir só desde a memoria –para ben e para mal- é achegar unha experiencia persoal e intransferible non do que pasou, senón de como cada un viviu ou viu iso que pasou. E as botellas están medio cheas e medio baleiras á vez, e nós somos parte desa botella ao falar dela como medio chea ou medio baleira. Cantas veces nos ten pasado, lembrando algo con amigos, que uns din que foi dunha maneira e outros doutra, e ambos poñen a mesma paixón, convicción e firmeza, e nós nin sabemos de que falan.
O outro día un artigo dun colaborador da casa lembraba a organización e celebración da Xornada pola Autonomía do 4 de decembro de 1977 celebrada baixo o lema unitario de "Coa autonomía Galicia empeza a ser máis nosa". Un guasap dun amigo levoume a ler con intensidade o artigo, e excitada a miña memoria, lembreime dalgunhas cousas daquel día e daquelas reunións preparatorias no Ateneo, nas que, pipiolo de dezasete anos, tiven a honra de participar. Xa van alá trinta e sete anos! E miña lembranza é tamén moi persoal. Lembro a escolla de Eduardo Blanco Amor –a iniciativa de Manolo Peña Rey- como orador unitario, inmediatamente aceptado por todos; lembro o encargo a Xaime Quessada dun cartel unitario do que se fixeron milleiros de copias distribuídas para pegar pola cidade –cada partido un barrio-, máis unha edición especial de papel duro, para conservar. Lembro como Iago Seara elaborou o fino grafismo do cartel, enmarcando o debuxo de Quessada nun amplo paspartús burdeos, e como, modestamente, influín en que o texto fose lingüísticamente correcto. O cartel de Ourense pon "coa" e non "ca" e "4 de decembro" e non "4 de Nadal" como no resto de Galicia. Si. Lembro algunha outra cousa pequeneira: a tratorada promovida o mesmo día nas estradas pola UPG en protesta pola cota empresarial e para dificultar a realización das marchas; a polémica xurdida polas palabras de Eduardo Blanco Amor, ditas, cunha mala megafonía, no Palco da Alameda, gravadas por Servando Ellacuriaga e transcritas íntegramente en La Región uns días despois de seren retrucadas, tamén na prensa, por Xosé Luís Méndez Ferrín. E un par de incidentes menores.
Pero o que máis lembro, sen dúbida, era o ambiente de ilusión e colaboración que había no Ateneo, no encontro de xentes e sensibilidades tan diversas, ao principio ollándose medio de esguello e logo con afecto... E a sopa de siglas políticas do momento -unhas cun apoio grande e outras con menos militantes que letras as integraban- e as organizacións cidadáns, tipo Coral de Ruada, que alí estaban, tamén ilusionadas. Pagou a pena? Sen dúbida si.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
“Señor das moscas”, de William Golding
Patricia López
BRÚJULA DIGITAL
No falta trabajo, falta quien quiera sostenerlo (en las condiciones de siempre)
Isaac Pedrouzo
¡ES UN ANUNCIO!
Solo quedó el silencio
Chito Rivas
PINGAS DE ORBALLO
O rumor da quietude
Lo último
CUATRO COCHES IMPLICADOS
Cinco heridos y un coche a la fuga después de causar el accidente urbano en Santiago de Compostela