Gonzalo Iglesias Sueiro
¿Es posible reflexionar?
Un mural nunha rúa do Eixample de Girona. Fachada lateral dunha escola. Aparecen 10 figuras de persoas diversas con moito colorido e dinamismo, tintas planas, mensaxe fácil. Cada unha delas fai algo distinto. Unha é unha camareira, dous son clientes atendidos; dous nenos e unha nena xogan ao balón; un médico atende un paciente de pelo branco; un rapeiro negro canta ante un micrófono plano profesional; unha moza “influencer” aparece na súa pantalla de móbil. Todos sorrín, claro. O mural aparece asinado por @martavellvehi e sen logos. As figuras teñen asociados “bocadillos” cada unha cunha palabra: “Joc, escullo, cada, día, parlar en, catalá”. Noutro mural ao lado, unha moza mulata proclama “Girona pel catalá”, e uns minúsculos logos de Correllengua, do Concello e da Clinic Girona. Ou sexa, atracción na escolla; integración da diversidade, de idade, de profesión, étnica... Noutra localización, na cidade vella, enfronte das, uf!, 90 escaleiras da Catedral, hai un edificio neoclásico, a Casa Pastors, que será, no seu día, un museo de arte contemporánea. Penduran da fachada dúas pancartas verticais, que levan cadanseu faldón con “senyera”. En catalán e inglés din o mesmo. A versión inglesa: “Girona is a city of the Països Cataláns and Catalán is its own language. Discover it”. Resaltadas as letras de “Girona” e “Catalán”, concentradoras da mensaxe, coa sedución do “Discover it”. E claro, a parte política discutible está na referencia aos “Països cataláns”, pero domina “Girona”, “Catalán” e “discover it”. O de “own” (propia) é evidente. Porque non hai sitio onde nacesen dúas linguas. Aínda que se movan e difundan. As mensaxes xogan coa estratexia da sedución: cara á cohesión da propia sociedade e outra cara o coñecemento exterior.
E estes días do pacto entre PP e PSOE sobre o futuro do galego, cómpre lembrar que perante todo, o futuro está na capacidade de atracción (“escullo”) e na proxección (“discover it”). Non lin o pacto entre ambos partidos, xa lles falarei do tema con máis vagar cando o lea, pero o que escoito non me enche a orella. Pode haber diverxencias abismais co BNG, pero o seu compromiso esencial coa lingua -incluso tratando de monopolizalo- está aí. Respecto merece, pois, a súa posición.
Eu, que non quero o galego no Parlamento Europeo nin español, máis alá dos usos rituais ocasionais, creo que aquí todas as clases, agás idiomas, deben ser na única lingua que naceu aquí.
E isto de que se poidan dar as Matemáticas en galego se se dan as Ciencias Sociais en castelán, máis ou menos, paréceme irrelevante. Non se trata desta ou destoutra materia, senón da lingua ambiente nas aulas e escolas. Eu, que non quero o galego no Parlamento Europeo nin español, máis alá dos usos rituais ocasionais, creo que aquí todas as clases, agás idiomas, deben ser na única lingua que naceu aquí. A que precisa implicación e promoción familiar, social, escolar e, tamén, política. Curioso que o noso Parlamento Galego sexa monolingüe e isto non valla para a escola. Curioso -rénxenos a todos- que na TVG monolingüe na programación, a lingua do país á penas estea na publicidade. Imaxinen unha multinacional que está planificando o tema para España, “versión catalá si, pero galega non, parece que tanto lles ten”.
En fin, xa volverei con máis calma sobre o tema, pero o problema é como organizar xerarquicamente o hoxe, por sorte, plural repertorio lingüístico das persoas. Cal asumimos como lingua propia desta terra? Queremos que nela nos integremos vellos e novos galegos? Novos por idade e por procedencia. Ninguén é tan parvo como para non querer saber castelán pero non coa sensación de imposición. E outras linguas, claro, como inglés e portugués. Pero como promocionamos a atracción á nosa? Como facer que os vellos galegos “escullamos” a propia e os novos “escullan” a nosa? O futuro da lingua non está nas escolas, pero poden axudar. Está na sociedade. Lerei o pacto, e non tocarei de orella, como arestora. Pero teño claro que rato e gato non poden comer no mesmo prato.
Contenido patrocinado
También te puede interesar