Xosé Carballido
Sabatelius, viño de romanos
Xa sabían os romanos que o principal factor limitante para o cultivo da vide eran as xeadas de primavera, o que en agronomía chamamos “réxime de xeadas” ou período libre deste factor que pode comprometer o cultivo e, evidentemente, as colleitas. Por iso que buscaron a mellor solución posible para escoller os lugares onde plantar as cepas que cada lexionario traía na súa expedición: buscar zonas libres de xeada. Sabedores de que nas marxes dos rios son frecuentes, elevaron a zona de plantación a media ladeira. Por esta razón, non lles importou tirar monte arriba para ir a zonas de media altitude.
Na Ribeira Sacra estou seguro que unha das zonas que escolleron foi a que denominaron Sab-Batellus, preto do corazón da Gallaecia conquistada, a escasos miliarios da pedra Chantada, e que ten unhas condicións óptimas de insolación e orientación para o cultivo da vide, uns solos metamórficos xistos e pizarras para esta planta extremadamente rústica e, ademais, libre de xeadas de primavera. As xeadas de inverno non preocupan, pois a planta está en letargo (parada invernal) e as baixas temperaturas extremas mesmo son beneficiosas para o chan, xa que melloran a estrutura do solo e facilitan o intercambio do complexo arxilo-húmico.
Asi que, Sabatelius, hoxe coñecida por Sabadelle, foi terra de viño desde tempo inmemorial. E así, co decorrer dos tempos, as viñas seguiron crecendo durante os séculos seguintes, e xa no século XVIII a familia de Primitivo Lareu chegou a construír unha adega nesta singular paisaxe, que continuaría a saga familiar ata hoxe.
Os seus viñedos, amparados pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra, atópanse nesta zona de cultivo extremo e heroico, con bancais que beben do río Miño, situados a media ladeira e perfectamente orientados ao sol de mediodía, en terreos pedregosos e excepcionais zonas de cultivo. A minuciosa intervención do home no medio deu lugar aos socalcos ou muras que caracterizan esta paisaxe única.
Por alí aparecen as castes brancas como o Godello, Treixadura ou a Branca Lexítima, e as tintas Mencía, Merenzao, Sousón e Caiño, que lle permiten á adega Lareu elaboracións singulares ás que bautiza co nome de Sabatelius entre os que destacan, a parte dos clásicos Mencía e Godello, o exquisito branco Noa ou o tinto Chamorra.
Pero hai un valor engadido que non pasa desapercibido: a utilización do galego na etiquetaxe e na imaxe corporativa dos seus viños, así como na súa propia páxina web e nas redes sociais. Tamén pola dinamización e sensibilización que produce o seu esforzo familiar e empresarial no medio rural. Estas razóns fixeron que Adegas e Viñedos Lareu S.L. de Sabadelle (Chantada), pertencente á Denominación de Orixe Ribeira Sacra, fose merecente dun Bacelo de Prata 2026 que otorga a Asociación Alvaro das Casas. Unha boa e merecida nova.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
GUÍA PARA LA COSECHA DE CASTAÑA
Estado de los soutos en Ourense antes del Magosto, previsión de cosecha y plagas