Tras duns tempos, veñen outros

Publicado: 18 dic 2024 - 00:19

O vindeiro día 30 cumprirase o trixésimo cabodano do pasamento de Agustín Sixto Seco. O Deus que il adorou ó teña da súa man porque, visto dende eiquí, que é dende onde nos é posible albiscalo, ben gañado o ten. Sempre que a súa lembranza aboia na tona da caixa dos meus recordos moito é o que boto en falla non só a súa presenza senón mesmo a dalguén quen de repetir, de emular no seu máis estrito senso, a súa traxectoria de defensa dos valores culturais que nos son propios. Verei de poñer algún exemplo co que, sequera sexa minimamente, me poida explicar e se me entenda.

Hoxe foron desaparecendo, pero durante anos ó pé das estradas que conducen a Compostela, innúmeras indicacións sinalaban os camiños do que el chamou a “Ruta Rosaliana”

Entre outras moitas das actividades que levou a ramo nos seus días estalles a promoción real dunha figura esencial da nosa realidade galega. Estóume a referir a Rosalía, a “Nosa Santiña”, como el podía referirse a ela con algo máis que con razón; débese entender que con feitos. Foron moitos anos durante os que presidiu o entón chamado Patronato Rosalía de Castro. Fíxoo con algo máis que con boas intencións, aquelas das que seica está cheo o inferno. Explicarei ó que me refiro.

A memoria de Rosalía hai que conservala. É certo. Pero o único e dende logo millor xeito de facelo non é o da publicacións de traballos, sempre ben intencionados, por suposto, máis ou menos eruditos que, xeralmente, non van transcender moito máis alá dun reducido fato de persoas estudantes da súa obra literaria. Sixto non deixou nunca de botar unha man a tal xeito de actividade, encamiñada á difusión da obra da nosa cantora do Sar, pero sempre foi máis alá.

Mentres ese xeito de celebración da vida da esposa de Murguía non deixou de ser atendido polo entón chamado Patronato, Sixto Seco optou por dar noticia á xente do común da existencia da poeta. Hoxe foron desaparecendo, pero durante anos ó pé das estradas que conducen a Compostela, innúmeras indicacións sinalaban os camiños do que el chamou a “Ruta Rosaliana”. Foi rara a estrada na que non se indicase como chegar á Ortoño, a Compostela, a Bastavales ou a calquera outro lugar que tivese que ver dun xeito ou doutro cunha das nosas devanceiras máis sobresaíntes e necesarias. Todos eses indicadores espertaron curiosidade e suscitaron o espallamento da atención a unha das nosas máis preclaras condicións, entre elas e certamente a de galegos. Segue a ser verdade que unha cousa é predicar e outra é dar trigo.

A reflexión é que cada cousa ten o seu tempo e que tras duns, tras duns tempos, veñen outros. Porque desapareceron eses indicadores que tantos lugares e establecementos anuncian hoxe en día, dende bares a hipermercados, tan necesarios por certo, pero non máis que eses lugares que sempre latexan nos corazóns das xentes que sabendo quen son e de onde veñen pretenden andar nos camiños que Rosalía andou. Saíndo de Ourense camiño de Compostela ou de Pontevedra, aínda se manteñen os indicadores que conducen á Trasalba de don Ramón, algo que tamén dependeu de Agustín Sixto. Ben se ve que hai xentes e sensibilidades. E quen queira entender que entenda.

Contenido patrocinado

stats