Epitafio atrás da tapia na cidade iluminada

Publicado: 24 dic 2025 - 01:40

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

O pasado 7 de decembro a Policía Nacional atopou o corpo sen vida dun home de 45 anos nun edificio abandonado da Avenida das Caldas, no barrio da Ponte. O cadáver, deteriorado pola acción dos roedores e a humidade, foi identificado grazas ao recoñecemento dactilar. Tratábase dunha persoa sen fogar, con adicción á heroína, que levaba meses vivindo na cidade. Ningún familiar reclamou o corpo, entregado aos servizos sociais do concello. Días despois, o edificio foi tapiado, sen máis. Namentres, o alcalde promocionaba o programa de Nadal cun elevado despregue de luces, renos reais e carrozas musicais. Nove días despois, o 16 de decembro, un pleno extraordinario aprobaba o pagamento dos 600.000 euros da iluminación de 2024, pendente desde febreiro. Mentres alguén morría nun inmoble que todos saben problemático hai anos, a prioridade municipal era garantir o brillo das luces.

A análise dos números reflicte unha consciente elección política. O orzamento de 2025, aprobado en xullo con case seis meses de atraso, ascende a 115,89 millóns de euros pero destina apenas 900.000 euros a investimentos, un 0,8% do total. En paralelo, os gastos de persoal aumentaron un 26%, pasando de 31,5 a 39,8 millóns. No recente pleno extraordinario, o interventor municipal cualificou os orzamentos como “o maior disparate en 30 anos” e denunciou que estaban “ateigados de erros”. O expediente das luces constitúe, segundo o funcionario, un “fraude” pola manipulación das partidas. A concelleira de Facenda recoñeceu tratarse de contas “só de gastos esenciais”, sen marxe para investimentos. Porén, eses centos de miles de euros en iluminación si se consideran esenciais.

A xestión de Pérez Jácome baséase na evasión continuada de responsabilidades, confundindo acción municipal con sucesión de culpas alleas. Cando unha rúa presenta deficiencias é porque pertence á Xunta ou Deputación. Se hai problemas de seguridade non queda outra que mirar cara o Ministerio do Interior por non completar efectivos. Cando despois de anos de obras –sempre con DO ao mando– unha Praza de Abastos sen rematar ten o prace municipal, a culpa recae na oposición. Semella que o Concello só é competente para festas e anuncios grandilocuentes sen avaliación fidedigna. Este relato contrasta coa Lei 7/1985 Reguladora de Bases de Réxime Local e o artigo 140 da Constitución, que garanten aos concellos amplísimas competencias, recaendo na institución máis próxima á cidadanía servizos sociais, urbanismo, vivenda, medio ambiente, saúde pública e ordenación do tráfico.

Este comportamento é propio do que Guy Debord chamou “sociedade do espectáculo”, onde a política devén actuación e a imaxe prevalece sobre a substancia da acción. Días despois da aparición do cadáver, o Concello tapiou o edificio abandonado da Ponte sen abordar o problema estrutural que representa. Agochar, non resolver. O concepto de “necropolítica”, que o camerunés Achille Mbembe desenvolveu para contextos de extrema violencia, subliña como certas vidas son consideradas prescindibles polas institucións. Quen non encaixa na escenografía de Pérez Jácome queda fóra da súa atención. As cidades compiten por ter máis luces de Nadal mentres os servizos básicos esmorecen. Adictos e persoas sen fogar non xeran aplausos nin rédito electoral. Os renos, denunciados pola Fundación Franz Weber, simbolizan unha xestión que confunde gobernar con multiplicar espectáculos sen avaliar a súa pegada.

Os 600.000 euros investidos en luces permitirían abordar doutro xeito esta realidade. Vitoria-Gasteiz destina partidas significativas a unidades de atención a persoas sen fogar con resultados medibles. Pamplona desenvolveu programas de redución de danos en drogodependentes con equipos especializados. León implementou protocolos de intervención en edificios abandonados mediante convenios con entidades do terceiro sector. Non son urbes máis ricas, pero priorizan diferente. Ningunha persoa debería morrer nunha cidade por falta de atención básica. Programas como Housing First, avalados pola Universidade Complutense, amosan que proporcionar vivenda permanente a persoas sen fogar reduce o problema sustentablemente. Con máis de medio millón fináncianse ducias de residencias, equipos de seguimento e atención sanitaria. Non se trata de caridade, senón de responsabilidade e do modelo de cidade que queremos.

Non se trata de negar o Nadal nin actividades de lecer para a veciñanza. As festas deben ser fermosas e compatibles cunha atención digna aos máis vulnerables. Sen renunciar ás celebracións, compre establecer equilibrios sensatos entre necesidades. O insólito é a ausencia total de proporcionalidade. A resposta municipal foi tapiar o edificio abandonado, ocultando o problema sen resolvelo. Un home morto convertido en trámite administrativo para uns servizos sociais que carecen de medios. As luces apáganse nun par de semanas, pero as persoas vulnerables están aí todo o ano. Non hai falta de recursos, hai unha elección política sobre quen importa. Mentres outras cidades galegas como A Coruña ou Vigo reforzan servizos esenciais, Ourense mantense tamén aquí na cola. Esixir atención para quen sofre igual que o que escintila non é negar a festa, tan só é lembrar que unha institución democrática debe servir a toda a cidadanía, tamén á invisible.

Contenido patrocinado

stats