Ricardo F. Colmenero
O espectáculo da infidelidade
Estiven vendo “La isla de las tentaciones”, que non tódalas noites teño o corpo para reler a Fenomenoloxía do espírito de Hegel. De feito, creo que é unha das mellores actividades que se poden facer hoxe en día en parella. Contemplar como son outros os que se enganan, se derruban e se humillan en público segue a producirme moito pracer, ademais da tranquilidade de pensar que os demais son peores ca min; e que de deixar este mundo, tampouco é para tanto.
Á marxe dos feitos. O debate que teño con Lur é de gran calado. Se iriamos o programa. Supoño que é o que se preguntan todas as parellas. E, sobre todo, por cantos cartos. Dando por feito que non nos liariamos con ninguén, o mal trago de que nos poñan imaxes máis ou menos manipuladas de miradiñas e abraciños que nos acaben mandando o avogado debe ter un bo prezo. Porque o principio podes rirte da panda que estás vendo, dunha panda nacida neste século, por certo, e pola que cederías todo o teu patrimonio a cambio dos seus anos, pero pensa en tódalas veces que che puxeron os cornos e non cobraches un can.
Ás veces consólate pensar que calquera problema en Matrix débese a mala educación. Que a ti non che pasará, que o teu fillo medrará con outros intereses, e todo porque farás o que fixo contigo teu pai, que consistía basicamente en pasar de ti.
O prezo de Lur é o necesario para non ter que volver traballar. A partir desa cifra, romper a relación e pasar á custodia compartida do neno doeríalle un pouco menos. Que esa é outra. Cando xa tes fillos, o que envexas non é o que está no jacuzzi con todas, senón o que pasa medio programa pechado no cuarto durmindo. Aínda lembro a primeira vez que contratamos unha coidadora para saír de festa, e a duras penas conseguimos arrancar o coche, paralizados por algunha síndrome de Stendhal diante do abismo da liberdade.
Máis que pensar en entrar na illa, que xa tería que ser nunha edición sénior, pensas en como reaccionarías se o que está a liala parda é o teu fillo, ou a túa filla, sucumbindo hormonalmente, coma quen contempla a repetición en bucle dun accidente aéreo, nos brazos dunha muller que lle diga “eu son Eva, e ti... a mazá”, ou “os meus principios están polo chan, pero recólloos e volvo para Canarias”. Ou simplemente, como enuncia en alta literatura un concursante: “Ela ten que valorar entre o xamón e o chóped”.
Ás veces consólate pensar que calquera problema en Matrix débese a mala educación. Que a ti non che pasará, que o teu fillo medrará con outros intereses, e todo porque farás o que fixo contigo teu pai, que consistía basicamente en pasar de ti. Pero, o final van pasando os anos, e ves que non cumpres; e empezas a preguntarte se a especie humana non acabará indo o carallo por exceso de atención.
Ás veces debatemos sobre o programa con outros pais do colexio, que tampouco estamos todo o día comentando o último anteproxecto de lei educativa nin o pin parental. E resulta que as parellas máis novas falan con toda naturalidade de con quen se enganarían en cada edición. Aínda non teño claro se é un síntoma de crise ou de exceso de libido, pero eu o máximo que chego é a buscarlles candidatos. En plan, se eu fose tía creo que iría con este, que é moi simpático, comenteille un día a unha mamá destas. Que respondeume cunha lección que non esquecerei facilmente: “Con ese non, que para simpático xa teño o meu marido”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
HOMENAJE AL MÚSICO GALLEGO
La música de Carlos Núñez cambia de flauta por una noche en Oviedo
TRADICIÓN COMO PUNTO DE ENCONTRO
A ruralidade, un fío que une todos os pobos do mundo