O espellismo demográfico da inmigración sen políticas públicas

Publicado: 11 dic 2025 - 02:40

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

O pasado 9 de novembro, o alcalde de Ourense acudiu á festa da Chinita, que cada ano congrega á comunidade venezolana de toda Galicia. O Concello colaborou activamente na organización, cedendo o recinto do Campo da Feira e recibindo aos organizadores no salón de plenos municipal. Pérez Jácome posou entre bandeiras venezolanas, difundindo profusamente as imaxes nas súas redes sociais para ver así de proclamar o seu compromiso coa comunidade. Esta escena repítese con regularidade na estratexia comunicativa do goberno local, que celebra a chegada de poboación latinoamericana, nomeadamente de Venezuela, como remedio ao drama demográfico. O censo de 2025 confirmou que Ourense gañou 811 habitantes grazas ao saldo migratorio, incrementando outros 31 concellos ourensáns poboación pola chegada de foráneos. Alén do triunfalismo e fotos protocolarias, onde están as políticas públicas que acompañen esta transformación demográfica?

O entusiasmo político coa poboación venezolana agocha cálculos electorais e un inquietante dobre estándar

A vinda de poboación inmigrante a Ourense responde sobre todo a redes familiares e factores de expulsión dos países de orixe, non a oportunidades estruturais na provincia. A teimuda realidade desmonta o relato do proclamado “éxito” demográfico: celebramos apenas 811 novos residentes, pero seguimos a perder cada ano centos que foxen buscando empregos e mellores condicións. Segundo o Instituto Nacional de Estatística, Ourense mantén unha das taxas de emigración xuvenil máis altas de Galicia, ofrecendo postos de baixa cualificación en hostalería, construción e servizo doméstico e coidados. Investigacións do Real Instituto Elcano sobre integración da poboación latinoamericana mostran que, aínda que un terzo posúe títulos universitarios, a súa ocupación en postos cualificados é moi inferior debido aos problemas de homologación e á estrutura do mercado. A realidade ourensá encaixa neste patrón con milimétrica precisión.

O entusiasmo político coa poboación venezolana agocha cálculos electorais e un inquietante dobre estándar. O PP, tanto a nivel estatal e autonómico, con Feijóo promovendo a “inmigración culturalmente próxima”, como a nivel provincial, interpreta esta demografía como viveiro de futuros votos. DO segue idéntica estratexia na capital. Mocións específicas sobre acollida e facilitar os trámites (só) de venezolanos, presenza institucional en festas como La Chinita ou cesión de espazos públicos contrasta coa ausencia de iniciativas para outros grupos nacionais. Ourense tamén recibe colombianos, peruanos, brasileiros, portugueses e marroquís, pero só os orixinarios de Venezuela reciben atención visible. Non é casual e reflicte unha xerarquía implícita cara quen se intúe “asimilable” e rendible electoralmente. O discurso da “proximidade cultural” funciona como eufemismo que lexitima tratos desiguais. Esta instrumentalización dos migrantes como activos electorais relega a un segundo plano calquera consideración seria sobre as súas necesidades reais.

Un enfoque integral das políticas migratorias abarca até catro dimensións esenciais que requiren coordinación entre niveis administrativos. O Estado central retén a exclusividade sobre prevención, regulación e control de fluxos migratorios. As comunidades autónomas comparten certas atribucións de control, pero onde rexións e concellos deben xogar papel clave é na integración a través de educación, sanidade, vivenda e servizos sociais. Así o confirma o informe de outubro do Consello Económico e Social (CES) sobre realidade migratoria en España, que constata unha “estrutura de gobernanza complexa” e demanda melloras na actuación dos órganos administrativos. O problema é estrutural, con só seis comunidades con plans de integración vixentes no 2023. Malia este contexto moroso, hai concellos de tamaño similar ao noso que desenvolven iniciativas concretas. En Galicia, mesmo municipios moito máis pequenos como Ames ou Santa Comba son quen de artellar respostas desde os seus servizos sociais e de emprego. Ourense, pola contra, carece de plan municipal de acompañamento, programas de formación lingüística, mecanismos de apoio á homologación ou estratexias de emprego para novos residentes. O CES cuantifica o custo deste desleixo en 17.000 millóns anuais para o Estado, aportando Ourense a súa cota a tal malgasto de talento e recursos.

A transformación demográfica de Ourense require políticas substantivas que convertan a chegada de poboación foránea nunha auténtica oportunidade. Estudos como os de Funcas demostran que a integración laboral efectiva resulta indispensable tanto para a aceptación social dos inmigrantes como para xerar efectos positivos na economía local. Pero sen investimento público real, creación de emprego cualificado, estratexias de vivenda accesible nin programas de acollida operativos, o renacemento provincial revélase un mero espellismo estatístico. A folclorización da inmigración a través da presenza institucional en celebracións non pode reemprazar a xestión seria do subdesenvolvemento estrutural. Provincia e capital precisan dun modelo viable capaz de reter á súa mocidade e ofrecer futuro aos recen chegados, non unicamente sumar nomes ao padrón. Sen visión estratéxica, políticas públicas coherentes e planificación a medio e longo prazo, a arribada de novos veciños non resolverá os problemas de fondo. A responsabilidade dos mandatarios non pasa por acumular selfies entre bandeiras venezolanas, senón por acaídas políticas para facer o territorio próspero e máis habitábel para todas e todos.

Contenido patrocinado

stats