Á espera do ghuisqui do Albela

Publicado: 29 ene 2025 - 00:15

Cando ando polas terras de Vedra, de pascuas en venres, conste, acórdome do Suso. Era esvelto, malia de non ser de moita estatura, é dicir, que era baixo e máis que nada moi boa xente; do milloriño de hai arredor de sesenta anos. Fomos compañeiros nos estudios de náutica, n’A Coruña, na hoxe denominada Escola Superior de Náutica. Suso estudaba Máquinas e servidor Ponte; ou sexa, quen acabaría capacitado pra levar o barco ás pedras era eu e, que o estaba pra que puidera chegar onde elas, éralles el, o Suso.

Volvín así acordarme do Suso e volvín recordalo de xeito que, ó regreso, andei buscando fotos daquel tempo, pero non atopei ningunha, madía leva

Suso desembarcou nas Palmas da Gran Canaria, subiu a bordo dun avión que o trouxo até Madrid, colleu un tren que o achegara a Compostela e que nunca chegou a ela. Descarrilou. Suso perdeu a vida no accidente. Fómolo enterrar os seus amigos e compañeiros de estudos. Inhumámolo en Vedra, non me pregunten onde, xa me gustaría recordalo. Acórdome de que como era novo, os que soportabamos o seu leve peso nos nosos ombreiros, fomos advertidos de que deberiamos dar dous pasos adiante e un atrás, até chegar ó lugar no que ía ser pousado o seu leve corpo. Xa ven que recordos, logo de tantos anos. Porén Suso merece este e moitas máis lembranzas dos que hoxe non lles darei conta.

Hai un par de semanas andei por Sarandon, agora e dende a cristianización, coñecido como San Miguel de Sarandón, alá polas terras do Pazo de Ximonde, tan fermoso, e máis pola ponte que leva o nome santificado do modo que se advirte. Volvín así acordarme do Suso e volvín recordalo de xeito que, ó regreso, andei buscando fotos daquel tempo, pero non atopei ningunha, madía leva.

Fun alá por ver e coñecer, primeiro, a Pepe Albela e, logo, a destilaría que loce o seu nome. Pepe é un home novo, cando menos si se contempla a súa idade dende a miña. Boten contas os lectores se é que lles interesa. Novo, si, pero xa con moita e boa historia por conta deses milagres que se obran nas destilarías nas que se elaboran esas bebidas que lles din espirituosas, tanto e tan indicadas prás doenzas do espírito, tanto que nos levantan o abatido ánimo e mesmo nos poden facer cantar… aínda que non saibamos como.

En resume, Pepe Albela foi o creador desa enxebre xenebra que coñecemos coma Nordés. Agora anda con outra e diferente, coñecida xa como P.A. 311; ou sexa, P de Pepe, A de Albela e 311 polo número de probas feitas antes de dar cos espirituosos aromas perseguidos. Próbena se así o desexan. Acadada a síntese buscada, anda agora na procura dun “ghuisqui” tamén enxebremente noso. Se o prefiren escribirei “whiskey”, ó modo irlandés, ou “whisky”, ó xeito escocés, tal e como se escribe o Royan Bracka, seica considerado o millor do mundo no ano 24, malia que eu prefira o Laphroig, ese “islay” prodixioso que sabe a lume e ole coma un bo fume de carballo.

Ogallá Pepe Albela dea canto antes con ese noso ghuisqui de xeito que saiba ós nosos lumes e fumes ancestrais; ese día, achegareime de novo a Sarandón e brindarei pola vida unha vez máis. Acabo de saber que uisge beatha dise en gaélico escocés, uisce beatha en irlandés, xa ven que cousas. Auga de vida, traducida. Daquela volverei recordar ó Suso, a súa prematuramente extinta bonhomía, aquela súa vida breve e sempre recordada. Mentres P.A. 311, por se acaso a miña acaba antes.

Contenido patrocinado

stats