Os foros, unha festa participativa

Publicado: 25 jun 2025 - 02:10

Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

Repasando datas e ollando os carteis da Festa dos Foros decátome que xa van 19 anos celebrando esta efeméride e 16 do premio Freire Carril. Polo que axiña doume conta de que os anos voan e pasan moi de presa. A primeira edición celebrouse no 2006 baixo o nome da Festa da Eximición dos Foros. Foi na praza do Cabildo onde un grupo de animados cantores sacamos á luz o chamado Romance de Seixalbo no que se recolle de xeito resumido a historia desta efeméride tan importante para a antiga Vila e Couto. Nela cóntase que o conflito foral rematou coa sentenza definitiva no supremo da capital do reino publicada na Gaceta de Madrid.

A festa dos foros coas súas dúas dimensións cultural e lúdica sigue viva ocupando un espazo xunto as outras festas históricas da provincia

Desa sentenza deu conta o Boletín da nosa provincia o 23 de Xullo de 1859. Poñíase con esa decisión fin a un proceso de 20 anos de loita veciñal para abolir o pago, entre outras cousas, de 500 moios de viño ó Bispo e o Cabildo da Catedral de Ourense. A sentenza entendía que as rendas de Seixalbo non eran propiedade do bispo como querían facer ver os letrados que defendían o privilexio. Pois eran propiedade da institución, ou sexa da Igrexa, polo que acolléndose ás leis da desamortización do momento quedaron eliminadas cen anos antes de que o fixeran os foros particulares en Galicia. Os que daquela nos implicamos neste tema faciámolo sabedores de que as festas tradicionais cada ano que pasaba eran máis custosas, e o feito de ter que andar casa por casa pedindo cartos era un verdadeiro e complexo traballo. Ademais en Agromadas tíñamos como obxectivo difundir entre a veciñanza un feito histórico que naquel momento lle cambiou a vida para ben ós seixalbeses.

Pois ben: esta convocatoria anual, que naceu como un feito cultural, foise asentando no tempo. E despois dalgúns cambios camiña e sigue viva polo seu atractivo e pequeno custe. E faino sendo moi ben acollida pola veciñanza pois séntense partícipes activos deste evento. Nesta edición son tres días de actividades. O 27 venres, no Auditorio aberto de Penouzos, organizado por Agromadas, será a representación teatral na que participan como actores os veciños. O sábado será o día dos xantares na rúa e nas casas que nas distintas zonas de Seixalbo organiza a veciñanza. Pola tarde farase un percorrido polas rúas da vila degustando o viño, e rematará na Praza do Cabildo con actividades para os máis cativos; e o anoitecer un concerto musical. As actividades deste día están organizadas pola mocidade do lugar. E o domingo 29 ás 20 h será a entrega da distinción de Relevancia Veciñal que comenza a camiñar e que este ano recaeu na activista cultural e veciñal: Dona Marisol Delgado Rodríguez e o premio Freire Carril que recaeu en don Javier Pereira Loureiro nado en Seixalbo e que desenvolve a súa actividade académica con moito éxito na Universidade da Coruña.

Pois ben, pasados os anos cabería unha pequena análise deste feito cultural e festivo. Pois que unha celebración sinalada se manteña no tempo cun custe realmente pequeno, pode ser a clave do seu éxito. Quizais todo veña dado pola participación activa dunha parte moi importante da veciñanza e o obxectivo de practicar e poñer en valor feitos históricos importantes da nosa sociedade. En fin, a festa dos foros coas súas dúas dimensións cultural e lúdica sigue viva ocupando un espazo xunto as outras festas históricas da provincia. Polo que, como exemplo, debera valer para facer unha análise das festas da nosa cidade onde, a carencia de personalidade propia é unha evidencia. Todo elo xunto á máis que escasa participación activa dos colectivos culturais e veciñais e dos ourensás en xeral, son unha realidade que cuestiona o futuro dunhas festas idas a menos onde se gastan cantidades de euros sen criterio de ningún tipo.

Contenido patrocinado

stats